Deputación de Lugo
Economía

AELU pecha o programa formativo que asesorou a máis de 200 empresarias da man da Deputación

AELU
Na iniciativa Galatea, que contou cunha achega económica de 40.000€, incluíronse obradoiros de comunicación, de administración, facturación electrónica, e de fotografía móbil e xestión de redes sociais, entre outras propostas

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) celebrou este xoves a xornada de peche coa que pon punto final ao programa Galatea, un proxecto que foi posible grazas á colaboración da Deputación de Lugo, que realizou unha achega económica de 40.000€. O acto que tivo lugar na Praza Maior de Lugo consistiu nunha mostra e sorteo de diferentes produtos a cargo das participantes neste programa.

Galatea é unha iniciativa de asesoramento na que 221 mulleres empresarias e emprendedoras da provincia participaron en diferentes obradoiros cos que puideron adquirir novos coñecementos e habilidades relacionadas co seu desenvolvemento e capacitación profesional. Durante o último trimestre do ano o proxecto incluíu accións formativas relacionadas coa administración e a facturación electrónica, na que  as participantes afondaron na nova obrigación legal de facturación dixital, e un encontro coa periodista Mar Castro que lles trasladou as claves sobre comunicación de alto impacto. 

A iniciativa incluíu tamén formacións sobre fotografía con dispositivos móbiles e xestión de redes sociais co obxectivo de dar, ás participantes, máis ferramentas para mellorar a comunicación dixital dos seus establecementos.