A Presidenta e o Alcalde anuncian a rehabilitación da rúa Filarmónica Lucense “que mellorará a accesibilidade ao campus e ás instalacións deportivas”
A mandataria adiantou que “licitaremos o proxecto por case 100.000€ na próxima Xunta de Goberno demostrando así que a institución provincial está ao carón dos concellos, atendendo as súas demandas e dándolles unha resposta áxil e transparente”
Pola súa banda, Miguel Fernández, agradeceu a vontade de buscar novas vías de colaboración entre ambas administracións e resaltou que “esta intervención facilitará a mobilidade diaria de deportistas, estudantes e veciños e veciñas de Lugo”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, veñen de anunciar un novo proxecto na rúa Filarmónica Lucense, titularidade da institución provincial. Trátase dunha vía de 540 metros de lonxitude que soporta un elevado volume de tráfico diario, tanto rodado como peonil, porque dá acceso, por unha banda, a múltiples instalacións deportivas da cidade e, pola outra, a diferentes facultades do campus lucense.
Carmela López avanzou que “licitaremos o proxecto por case 100.000€ na Xunta de Goberno da vindeira semana, demostrando así que a institución provincial está ao carón dos concellos, atendendo as súas demandas e dándolles unha resposta áxil e transparente”.
As obras que se van realizar na Avenida Filarmónica Lucense son a repavimentación con aglomerado en quente, o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e a disposición da sinalización vertical necesaria. Ademais, tamén está previsto o repintado da zona de aparcamento, ao carón do Pazo dos Deportes, e a instalacións de pasos de peóns elevados. Está previsto que os traballos comecen pasada a primavera.
Nesta liña, recordou a mandataria outras colaboracións da Deputación co Concello de Lugo entre as que destacou “as obras de desdobramento da Avenida Infanta Elena, nas que investimos un total de 2,4M€ para anchear esta avenida de 2,7 quilómetros e dotala de carrís bici, beirarrúas ou arboredo. Fai apenas unha semana comezamos os traballos de rehabilitación dun tramo da LU-P-2902, a vía que conecta o municipio lucense con Ponte de Ombreiro, para os que achegamos máis de 210.000€. E tamén temos en marcha outro proxecto para levar a cabo a renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, un dos principais accesos á capital lucense pola zona da Fervedoira”.
Pola súa banda, Miguel Fernández, agradeceu a vontade e rapidez da Presidenta e resaltou que “esta intervención facilitará a mobilidade diaria de deportistas e veciños e veciñas de Lugo, porque esta rúa dá acceso a instalacións deportivas como: o Pazo Provincial dos Deportes, as pistas de atletismo e a piscina municipal das Pedreiras. Así mesmo, é unha vía moi transitada por estudantes e persoal docente do campus da Universidade porque vai desde Facultade de Administración e Dirección de Empresas ata a de Facultade de Humanidades”.
