Risas con perspectiva feminista chega este venres a Foz da man da Deputación
O dúo cómico Sobria e Serena levarán o humor e a reflexión á Casa da Cultura focense ás 19:00 horas, a entrada será gratuíta e o aforo está limitado a 90 persoas; as seguintes paradas serán nos concellos de Taboada e Sarria o 16 e o 24 de maio respectivamente
A Deputación de Lugo leva este venres ao concello de Foz o espectáculo Risas con perspectiva feminista, do dúo cómico Sobria e Serena. As referentes do humor galego Arantxa Treus e Jazmin Abuín conducirán un espazo de humor e reflexión cun ton crítico e irreverente que terá lugar na Casa da Cultura focense ás 19:00 horas. A entrada será libre e gratuíta, pero o aforo está limitado a 90 persoas.
Esta cita, que forma parte da programación feminista da Deputación de Lugo, xa parou no concello de Vilalba, poñendo o feminismo ao alcance de todas e todos cun humor comprometido. A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, destacou antes do espectáculo chairego que o obxectivo da programación provincial “é, ademais de informar, conectar coa cidadanía, facer pensar e contribuír a desmontar prexuízos”.
As humoristas Arantxa Treus e Jazmín Abuín contan cunha ampla traxectoria nos escenarios galegos, combinando monólogos, teatro e televisión cun estilo fresco, próximo e cheo de retranca. Ambas destacan pola súa capacidade para conectar co público a través dun humor actual e reivindicativo, converténdose en dúas das voces femininas máis recoñecidas da comedia en Galicia.
A vindeira parada de Risas con perspectiva feminista terá lugar en Taboada este sábado día 16, no Salón de Actos do Cuartel Vello; e a seguinte será a Casa da Cultura de Sarria, o día 24 de maio. As dúas, ás 19:00 horas.