Deputación de Lugo

A Deputación felicita ao persoal do HULA no seu 15 aniversario por situalo á vangarda da sanidade pública

HULA

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves nos actos do 15 aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Durante a celebración, destacou o labor do persoal do centro, a quen agradeceu o seu traballo “por situar este hospital á vangarda da sanidade pública a través do talento, compromiso e vocación de servizo dos miles de profesionais que, estes anos, contribuíron a convertelo nun referente da excelencia clínica e humana”.

Rivera Capón subliñou que o mellor patrimonio do HULA “non son as súas instalacións nin a súa tecnoloxía, senón as persoas que o sosteñen a diario. Grazas a elas, miles de lucenses atoparon durante este tempo atención, coidados, esperanza e confianza”.

O acto institucional contou coas intervencións de diferentes profesionais do centro sanitario e da presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence. Ademais, presentouse a estratexia Somos HULA 2030, que recolle as principais liñas de desenvolvemento do hospital para os vindeiros anos. A xornada completouse coa actuación dun grupo de violinistas da escola Glissando e do coro do hospital lucense.