A Deputación mobiliza 500.000€ para acondicionar catro estradas en Burela, Rábade e Trabada
Adxudicadas ademais as obras de renovación do inicio da LU-P-6101, que é a estrada que conecta Trabadela e A Ría por Sante, unha estada na que a institución provincial leva investidos máis de 400.000€ para a súa completa rexeneración
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo mobilizou este venres medio millón de euros para acondicionar catro estradas provinciais nos concellos de Burela, Rábade e Trabada. A este investimento súmanse preto de 90.000€ para a adquisición dunha máquina compactadora tándem, fundamental para o mantemento e reparación de vías. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar no Pazo de San Marcos.
“A renovación da maquinaria do Parque Móbil e os proxectos de Trabada, Rábade e Burela forman parte do compromiso da Deputación de Lugo por modernizar a rede viaria provincial –a máis extensa de España con máis de 4.000 quilómetros de vías- e garantir así a igualdade de oportunidades entre veciños e veciñas, vivan onde vivan.”
Explicou que quedaron licitados dous proxectos: un en Burela para mellorar dous tramos de dúas vías provinciais ao seu paso polo municipio e outro en Rábade para acondicionar o inicio da vía que conecta este municipio con Friol. Concretamente, en Burela mellorarase o final da LU-P-1510, que é a estrada que conecta San Cibrao e Burela pola Marosa; e a LU-P-1502, que é a vía que vai de Burela a Ferreira do Valadouro.
No primeiro caso, as obras afectarán ao tramo desde o límite municipal coa Avenida da Mariña –desde o punto quilométrico 6,16 ao 9,3- e no segundo, desde a Casa da Garda Civil ata o cemiterio municipal, desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,89. Os traballos contarán cun orzamento conxunto de 290.599,34€ para a reapertura e revestido das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e mellora da sinalización. O prazo de execución será de catro meses desde o inicio das obras.
No Concello de Rábade, a Deputación inviste 68.000€ para a mellora do tramo urbano da LU-P-5101, que conecta este municipio con Friol. Concretamente, o proxecto afecta aos primeiros 300 metros, desde o entronque coa N-VI ao longo de toda a rúa que dá servizo ao Cuartel da Garda Civil da localidade.
As obras neste caso consistirán no fresado da vía, pavimentación con aglomerado en quente e colocación dunha rigola xunto ás beirarrúas para mellorar a drenaxe e a evacuación das augas pluviais. Este proxecto terá tamén un prazo para executarse de catro meses.
Finalmente, no concello de Trabada a Deputación vén de adxudicar un proxecto para acondicionar o inicio da LU-P-6101, que é a estrada provincial que conecta Trabadela e A Ría por Sante. Unhas obras que servirán para acondicionar o treito que faltaba –desde o inicio da vía ao punto quilométrico 1,3- para a renovación completa desta vía, na que a Deputación leva investidos máis de 400.000€.
Neste último proxecto, Desarrollos y Metas SL será a empresa encargada de acometer os traballos por un importe de 135.670€. As obras terán un prazo de execución de 4 meses e inclúen apertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización.
Adxudicada unha máquina para o mantemento e reparación de vías
No que ten que ver coa mobilidade, a Xunta de Goberno adxudicou unha compactadora tándem para o Parque Móbil. Unha máquina que serve para a compactación de superficies e que é fundamental para o mantemento e reparación de vías, porque garante que o material estendido acade a densidade adecuada.
Resultou adxudicataria a empresa Alpimac Maquinaria, SL por un importe de 87.503,57€ e cun prazo de entrega de 18 días.