A Deputación reivindica o potencial da provincia ante representantes empresariais de Galicia e Asia
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, inaugurou este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a segunda xornada do Foro Internacional Empresarial Galicia-Asia, un encontro organizado pola Asociación Prorural en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e outras entidades, que reúne na cidade a directivos e representantes de empresas de referencia dos ámbitos da alimentación, a saúde, a robótica e a innovación.
Durante a súa intervención, Rivera Capón puxo en valor as oportunidades que ofrece a cooperación económica con países como China e Xapón, dúas das economías máis influentes do mundo en sectores estratéxicos como a tecnoloxía, a industria, a innovación ou a loxística.
“Lugo conta con sectores con gran capacidade para posicionarse nestes mercados. Desde o agroalimentario e o forestal ata a transformación industrial, o turismo ou a innovación vinculada ao Campus Terra. Temos talento, empresas competitivas e produtos recoñecidos pola súa excelencia”, destacou.
O Deputado subliñou que a internacionalización debe ser entendida como unha oportunidade ao alcance do tecido empresarial da provincia para gañar dimensión, abrir novos mercados e xerar máis actividade económica e emprego. “Non é unha opción reservada ás grandes corporacións, senón unha ferramenta clave para fortalecer o noso modelo produtivo e impulsar o desenvolvemento do territorio”, afirmou.
Xunto ao Presidente Fundador de Prorural, José María López Bourido; o Presidente da Asociación Asia-China para a Cooperación e o Desenvolvemento Internacional (AACCDI), Juan Fang e outras autoridades, lembrou Rivera Capón o papel das administracións públicas á hora de crear as condicións necesarias para favorecer o crecemento empresarial.