O Festival Atlántica amplía a súa pegada na provincia de Lugo co apoio da Vicepresidencia da Deputación
As mellores contadoras e contadores de historias actuarán en enclaves patrimoniais de Barreiros, Castroverde, A Fonsagrada, Taboada, A Pobra do Brollón e Quiroga
Lugo, 22 de xuño do 2026.- O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, un dos principais encontros arredor das artes escénicas da palabra que se celebran en Galiza, amplía a súa pegada na provincia de Lugo. O festival, que na súa décimo cuarta edición inclúe 33 localizacións, chegará este ano a Barreiros, A Fonsagrada, Castroverde, Taboada, A Pobra do Brollón e Quiroga co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A directora do festival Soledad Felloza e a deputada de Cultura Iria Castro presentaron este mediodía no Pazo de San Marcos as actividades programadas no marco desta colaboración. Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, os fornos de cal de San Martín de Suarna, na Fonsagrada, a Torre de Castroverde, a igrexa de San Pedro de Bembibre, en Taboada, o Castro de San Lourenzo de Cereixa, na Pobra do Brollón ou a aldea de Vieiros, en Quiroga, serán algúns dos escenarios das contadas previstas dentro do programa do festival, onde a palabra comparte protagonismo co patrimonio histórico, a memoria colectiva e a riqueza paisaxistica.
A deputada de Cultura Iria Castro valorou “a conxunción entre patrimonio inmaterial e material que propón o Festival Atlántica, que nos ofrece a posibilidade de dar visibilidade a espazos e bens de gran interese patrimonial” e explicou que “a colaboración co Festival Atlántica permítenos ampliar a axenda cultural da provincia e proxectar a riqueza natural e cultural coa que contamos en toda Galiza, xa que falamos dun circuíto consolidado e recoñecido en todo o país.
A directora do festival, Soledad Felloza, explicou que “a presenza lucense Festival Atlántica reafirma unha das principais liñas de traballo do festival: levar a narración oral a todos os recunchos do país e reivindicar as historias como unha parte esencial da identidade cultural galega” e destacou que “Lugo será, despois da Coruña, a provincia con maior presenza no XIV Festival Atlántica e, probablemente, a que mellor permitirá vivir unha das esencias que definen o festival desde os seus inicios: a participación activa da sociedade civil”, en referencia aos colectivos culturais que colaboran na iniciativa.
Barreiros
Venres 3 de xullo
10.00. O QUE CONTAN AS PEDRAS.
Sendeiro entre a Ermida e a fervenza de Santo Estevo do Ermo. Asociación Mariña Patrimonio (Galicia)
20.00 hs. AUTOESTRADAS E CORREDOIRAS. Quico Cadaval (Galicia)
Ermida de Santo Estevo do Ermo.
A Pobra do Brollón
Sábado 4 de xullo
18.30. Visita ao Castro de Cereixa co arqueólogo Xurxo Ayán
20.30. CHISTES QUE FORON CONTOS. Avelino González (Galicia)
Castro de San Lourenzo. Cereixa.
A Fonsagrada
Domingo 5 de xullo
12.00. AS MAIS MOLONAS DE PAKOLAS. Pakolas (Galicia)
Aula Verde- Fornos de Cal. San Martín de Suarna. A Fonsagrada.
Xoves 9 de xullo
21.00. CONTARA. Celso Fernández Sanmartín (Galicia)
Parque Gil Portela. Alameda da Fonsagrada.
Castroverde
Venres 3 de xullo
21.00. FILANDAR. José Luis Gutierrez “Don Guti” (Zamora)
Torre de Castroverde
Sábado 4 de xullo
19.00 hs. COROCHAS. Atenea García (Galicia)
Torre de Castroverde
Taboada
Venres 3 de xullo
20.00 h. MULLERES DE CONTO. Cris de Caldas (Galicia)
Praza do Cuartel Vello
Sábado 4 de xullo
11.00 h. VISITA A SAN PEDRO DE BEMBIBRE. Carola Casal (Galicia)
San Pedro de Bembibre- Asociación O Sorriso de Daniel
19.00 h A VIAXE FELIZ DE RAMON SANFIZ. Inacio Vilariño, Fantoches baj (Galicia)
Praza do Cuartel Vello
Quiroga
Venres 10 de xullo
17.00 h. A FALA DA MONTAÑA. Miudiños (Galicia)
20.00 h. CONTOS DE TASCAS TABERNAS E OUTROS TUGURIOS. María da Pondragha e Miguelón Paz (Galicia)
Aira de Vieiros
A programación completa pode consultarse en festivalatlantica.gal