Deputación de Lugo

A Deputación encárgalle a Tragsa o remate da construción do Centro de Atención a Maiores da Pontenova

Xunta de Goberno

Na Xunta de Goberno deste venres tamén se aprobou a liquidación da obra, a liquidación do convenio co Concello da Pontenova, así como a reclamación de danos e prexuízos á empresa adxudicataria polo incumprimento do contrato 

Aprobada tamén nesta mesma sesión a licitación a construción e dotación da cociña industrial da residencia de Becerreá por 460.000 euros e un prazo de execución previsto de cinco meses

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres un paso decisivo para rematar as obras do Centro de Atención a Maiores (CAM) da Pontenova. Así informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que se vén de aprobar a liquidación da obra, a liquidación do convenio subscrito co Concello da Pontenova, a reclamación de danos e prexuízos á empresa adxudicataria polo incumprimento do contrato e o encargo á empresa pública Tragsa dos traballos necesarios para rematar o centro.

A Deputación resolve así unha situación provocada polo concurso de acredores da empresa adxudicataria, Jesús Naray Construcciones SL, que obrigou a paralizar os traballos cando a obra estaba executada aproximadamente nun 70%. Esta circunstancia atrasou a posta en funcionamento dunha infraestrutura moi demandada pola veciñanza da Pontenova e da súa contorna.

No marco dos acordos adoptados, a institución provincial aprobou tamén iniciar a solicitude de indemnización por danos e prexuízos contra a empresa responsable da paralización da obra, co obxectivo de reclamar os prexuízos ocasionados á administración provincial e, especialmente, ás persoas que levan anos agardando pola apertura deste servizo asistencial.

Ao mesmo tempo, a Xunta de Goberno deu luz verde á liquidación do convenio de colaboración co Concello da Pontenova para adaptalo á situación actual do proxecto, garantindo que o marco de cooperación entre ambas administracións responda á realidade na que se atopa a actuación.

Encargo a Tragsa

O acordo máis relevante consiste no encargo a Tragsa como medio propio da Deputación de Lugo, da execución das actuacións necesarias para finalizar o Centro de Atención a Maiores. Previamente, a institución provincial solicitoulle á empresa pública un estudo técnico e económico para determinar os traballos pendentes e o seu custo. Ese estudo fixa un investimento total de 2.032.800,44 euros para completar a residencia.

A actuación inclúe o remate integral do edificio, a reparación dos elementos deteriorados durante o tempo que a obra permaneceu paralizada e a instalación de todos os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, entre eles o sistema de chamada enfermeira-paciente, o ascensor de padiolas e as instalacións de ventilación, calefacción e produción de auga quente sanitaria.

A actualización do investimento responde á evolución dos prezos desde a redacción do proxecto inicial, elaborado no ano 2019 e posteriormente modificado. Nestes sete anos, o Índice de Prezos ao Consumo acumulou un incremento do 23,1%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, circunstancia que condiciona o custo actual da execución.

Con este encargo, a Deputación garante que a obra poida retomarse con axilidade e executarse coas máximas garantías técnicas e de calidade, permitindo que a Pontenova dispoña canto antes dun Centro de Atención a Maiores plenamente operativo.

Novos avances para o Centro de Atención a Maiores de Becerreá

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación do equipamento industrial da cociña colectiva e da adaptación completa da cociña do Centro de Atención a Maiores de Becerreá. A actuación conta cun orzamento de preto de 460.000 euros e un prazo de execución previsto de cinco meses. Este contrato permitirá dotar ao centro dunha cociña completamente equipada e adaptada ás necesidades do servizo.

Este novo paso súmase á licitación, xa aprobada pola Deputación, da subministración do equipamento xeral do centro, cun investimento superior ao millón de euros.

Con estas actuacións, a institución provincial continúa avanzando na posta en marcha do Centro de Atención a Maiores de Becerreá, dotándoo de todos os medios necesarios para ofrecer unha atención de calidade ás persoas maiores da comarca desde o inicio da súa actividade.