A Deputación retoma a sexta edición do Coñece a túa provincia con máis de 50 viaxes
A Deputación de Lugo retoma este martes a segunda quenda da sexta edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, a iniciativa posta en marcha pola institución provincial co obxectivo promover o turismo de proximidade e poñer en valor o patrimonio. Durante os meses de setembro e outubro participarán realizaranse 54 viaxes nas que participarán máis de 1.200 persoas de 32 concellos de toda a provincia.
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, recibiu na produtora de audiovisuais da institución provincial aos membros da Asociación de Veciños das Carballeiras de Bosende Paredes Anguieiro, de Lugo, que este martes están a visitar o faro de Punta Roncadoira, a contorna do Cabo de Morás ou as praias de Lago e Esteiro.
Así mesmo, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recibiu no Centro de Interpretación Terras do Miño ao segundo grupo que tamén estreou este martes o calendario de excursións. Trátase da Asociación de Veciños de Betote, de Sarria, que tamén están a coñecer a mariña lucense visitando o barco-museo boniteiro Reino del Carmen ou a praia da Marosa, entre outros lugares.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recordou que “con esta iniciativa achegamos aos nosos veciños e veciñas a enorme riqueza turística que temos na nosa propia terra”. Nesta liña, avanzou “con este programa permite descubrir lugares, paisaxes, recursos culturais e propostas gastronómicas de gran valor, ao tempo que contribuímos a fomentar o turismo de proximidade e a xerar actividade económica nos diferentes concellos da provincia”.
Esta iniciativa provincial está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.