A campaña de promoción do pequeno comercio, na que se sortea un coche híbrido, chega á Mariña con 7.000 boletos xa rexistrados
A iniciativa da Federación de Comercio e a Deputación de Lugo busca incentivar a actividade nos negocios locais nos meses previos ao Nadal e foi presentada este xoves en Burela
O vehículo MG3 Hybrid+ tamén estará noutras localidades da provincia, xa que a campaña estenderase ata o 30 de novembro. Para participar hai que facer compras superiores aos 10 euros e rexistrar os billetes en www.sorteocomercio.es/coche
A localidade de Burela acolleu este xoves a presentación da campaña que teñen en marcha a Federación de Comercio e a Deputación de Lugo para promocionar as compras no pequeno comercio. Nesta edición, o reclamo é un vehículo MG3 Hybrid+, que se sorteará o 3 de decembro ante notario no Pazo de San Marcos.
A campaña está a ter unha gran acollida e dende que se puxo en marcha, o 20 de outubro, xa se rexistraron para participar no sorteo máis de 7.000 boletos de compra.
A campaña foi presentada na localidade mariñá este xoves polo presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, e pola alcaldesa e presidenta da Deputación, Carmela López. Participaron tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela, Eva Luaces, e concelleiros e concelleiras de Burela, entre outras autoridades.
Como participar no sorteo
Para participar abonda con realizar unha compra por un importe igual ou superior a 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia de Lugo. As persoas interesadas poden validar o recibo de compra na web habilitada para a campaña www.sorteocomercio.es/coche.
A campaña percorrerá tamén outros concellos lucenses co obxectivo de achegar a iniciativa á cidadanía e fomentar a participación en todo o territorio. Despois de Burela, o vehículo estará exposto en Sarria, o 5 de novembro; en Vilalba, o 12 de novembro, e en Monforte de Lemos, o 26 de novembro.
Carmela López: “Cando apoiamos o comercio local tamén contribuímos a facer territorio, a que a xente poida vivir e traballar nel”
Durante a presentación da campaña en Burela, a alcaldesa e presidenta da Deputación
subliñou que o pequeno comercio é fundamental para manter vivas as vilas, garantir servizos e xerar oportunidades. “Cando apoiamos o comercio local, tamén contribuímos a construír territorio e a favorecer que a xente poida vivir e traballar nel”, sinalou.
López estivo acompañada polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, quen destacou a importancia de apoiar os negocios locais nestes meses previos ao Nadal. “Outubro e novembro son períodos nos que moitos establecementos afrontan unha menor actividade, polo que iniciativas coma esta buscan animar a cidadanía a mercar no comercio de proximidade e axudar aos negocios a afrontar con máis forza unha etapa decisiva do ano”, valorou.
Pola súa banda, José María Seijas avanzou que “se trata dunha ambiciosa e ilusionante iniciativa, no constante reto de fortalecer o tecido comercial local, potenciar a economía da provincia e incentivar a sensibilización e participación dos consumidores que compartimos a Federación de Comercio e a Deputación Provincial de Lugo”.