Deputación de Lugo

Gandeiros e técnicos abordan en Pedrafita do Cebreiro a xestión medioambiental e o futuro do sector do vacún de carne

GANDEIRÍA
O evento, organizado pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA coa colaboración de Unións Agrarias-UPA, o concello de Pedrafita do Cebreiro e o apoio da Deputación de Lugo, reuniu a expertos e profesionais do sector para analizar o impacto de novas enfermidades na cabana gandeira, a situación do mercado cárnico e o futuro da PAC.

O deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, destacou durante a clausura do foro que “o futuro dos nosos concellos vai ligado indisolublemente ao futuro do sector primario”, defendendo o apoio ás granxas familiares como eixe para fixar poboación no rural.

O Edificio de Servizos Múltiples de Pedrafita do Cebreiro foi o escenario hoxe xoves, 29 de outubro, da xornada técnica centrada na "Xestión medioambiental de explotacións de vacún de carne". A cita, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e apoiada pola Deputación de Lugo, coa colaboración de Unións Agrarias-UPA e o Concello de Pedrafita do Cebreiro, serviu como espazo de análise sobre o estado actual e as perspectivas de futuro da gandería de carne. 

O acto de apertura contou coa participación do vicesecretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Félix Porto e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo. 

Durante a xornada, que suscitou grande interese entre os gandeiros e gandeiras  participantes, púxose de manifesto a necesidade de respaldar ás explotacións gandeiras ante os actuais desafíos normativos e económicos. 

A clausura da xornada correu a cargo do deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, que estivo acompañado pola directora xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Elena Busutil,  e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Na súa intervención, Arias subliñou que “o futuro dos nosos concellos vai ligado indisolublemente ao futuro do sector primario” e advertiu de que “non hai fixación de poboación, non hai dinamismo demográfico nin hai loita efectiva contra o despoboamento se non defendemos e apoiamos ás nosas granxas familiares”.

Así mesmo, fixo fincapé o deputado provincial en que os elevados estándares en sostibilidade ambiental “deben vir acompañados dun respaldo administrativo real e de axudas directas”, ademais de reclamar prezos xustos en orixe e un compromiso firme ante os cambios na Política Agraria Común (PAC) e o impacto das novas enfermidades na cabana gandeira. 

Un completo programa de análise arredor do presente e o futuro do vacún de carne

Durante a xornada, desenvolveuse a mesa redonda “Análise da situación do sector cárnico de vacún e perspectivas de futuro”, moderada por José Rodríguez, responsable do Área de Vacún de Carne de Unións Agrarias-UPA. O debate abordou eixes clave para o sector como o impacto das novas enfermidades na cabana gandeira, con Juan Carlos López Loureiro (veterinario clínico); a situación dos mercados do vacún de carne, a cargo de José Ramón González (responsable de Gandería de UPA); e o futuro da PAC, presentado por Fernando Fernández (do gabinete técnico de UPA). 

Tras o peche da xornada, os asistentes compartiron un xantar de confraternización para fomentar o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector.