Pilar García Porto reclama “recoñecemento e reparación para as mulleres vítimas da represión franquista”
Decenas de persoas escoitaron as tres especialistas en memoria histórica e feminismo que afondaron no control moral e social exercido sobre as mulleres, os abusos sufridos e a necesidade de avanzar no recoñecemento das vítimas
O Pazo de San Marcos acolleu este xoves a xornada A represión das mulleres. O Patronato de Protección a la Mujer, organizada pola Deputación de Lugo e a Fundación Luis Tilve no marco do programa Lugo con Memoria.
Na apertura, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia de recuperar a memoria das mulleres que sufriron esta forma de represión e avanzar no seu recoñecemento. “Recuperar a memoria non consiste unicamente en lembrar os feitos, senón tamén en escoitar as vítimas, investigar o sucedido e darlles o recoñecemento e a reparación que merecen”, afirmou.
García Porto subliñou a responsabilidade das administracións públicas na recuperación da memoria democrática e na transmisión ás novas xeracións dunha historia na que “todas as vítimas teñan o seu lugar”. Tamén agradeceu á Fundación Luis Tilve a colaboración na organización do encontro.
A xornada enmárcase no programa Lugo con Memoria, impulsado pola Deputación de Lugo para divulgar episodios e figuras relevantes da historia local e nacional e contribuír á recuperación da memoria democrática. Participaron a xornalista e escritora Montse Fajardo, a investigadora posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Tamara López Fernández e a avogada e investigadora Silvia Fernández Quinteiro. A mesa estivo moderada por Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve.
Lugo, un territorio clave na rede do Patronato
A xornalista e escritora Montse Fajardo, autora de Caídas: achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia, contextualizou o funcionamento deste organismo en Galicia e, especialmente, en Lugo. Explicou que o Patronato, activo entre 1941 e 1985, utilizou a suposta protección das mulleres como pretexto para controlar e castigar aquelas que se afastaban do modelo de nai e esposa católica imposto pola ditadura. Moitas mozas eran internadas por motivos como chegar tarde á casa, sacar malas notas ou quedar embarazadas fóra do matrimonio, mesmo como consecuencia dunha violación, e nos centros sufrían adoutrinamento relixioso, privación de liberdade e explotación laboral.
Fajardo destacou o papel de Lugo nesta estrutura represiva, xa que a provincia acolleu o centro Nuestra Señora de los Ojos Grandes, xestionado polas Madres del Buen Pastor desde 1953, e chegou a contar con dez xuntas locais do Patronato. Integradas por persoas afíns ao réxime, estas elaboraban informes sobre a moralidade das mulleres e participaban nas decisións sobre o destino das mozas. A investigadora lembrou tamén as graves consecuencias dos internamentos e da presión exercida sobre as internas, que nalgúns casos chegaron ao suicidio.
“A culpabilidade recaía nas mulleres, e as vítimas quedaban no anonimato”
A investigadora Tamara López Fernández afondou nos mecanismos legais, penais e sociais que limitaron a liberdade das mulleres durante o franquismo. Na súa intervención, explicou como a ditadura reforzou a dependencia feminina e impuxo un modelo baseado na obediencia, a castidade e o ideal nacional católico.
López Fernández tamén abordou a desigualdade coa que se trataban as condutas de homes e mulleres, así como a impunidade de moitas agresións e abusos sexuais. Neste contexto, sinalou que “a culpabilidade recaía sobre as propias mulleres, mentres moitas vítimas quedaban condenadas ao silencio e ao anonimato”.
A pesar das restricións impostas polo réxime, a investigadora destacou que algunhas mulleres desenvolveron estratexias de resistencia para sortear o control social e gañar espazos de autonomía nun sistema patriarcal que condicionou profundamente as súas vidas.
Recoñecemento das vítimas e reparación
A avogada e investigadora Silvia Fernández Quinteiro destacou a importancia de recoñecer as vítimas do Patronato e avanzar na súa reparación. O seu labor de investigación e asesoramento xurídico permitiu que Eva García de la Torre, exalcaldesa do Porriño e parella de Fernández Quinteiro, falecida en 2022, fose recoñecida oficialmente en 2025 como vítima da represión deste organismo franquista.
Este recoñecemento supón un paso importante para visibilizar a historia das mulleres que sufriron internamentos e outras formas de represión baixo a aparencia de protección e reeducación. O caso de García de la Torre tamén pon de manifesto a importancia de recuperar documentación, investigar o sucedido e impulsar vías legais que permitan recoñecer o dano sufrido polas vítimas.
Fernández Quinteiro defende a importancia de seguir investigando e asesorando xuridicamente as persoas afectadas para que estes casos saian do esquecemento e poidan obter o recoñecemento que merecen. O seu traballo contribúe a documentar unha realidade silenciada durante décadas e a manter aberto o debate sobre as medidas necesarias para garantir unha reparación efectiva.