Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

A Tasca do Liño de Insua acada a súa maioría de idade este sábado co apoio da Deputación

Pilar García Porto
tasca do liño
Vilalba
A xornada festiva e cultural arrancará ás 11:00 horas no campo da festa de Insua (Vilalba) e ofrecerá un amplo abano de propostas ao longo de todo o día, con postos de artesanía e demostracións en vivo de oficios tradicionais como cerámica, fiado, palillado, talla en madeira e a elaboración de zocos

A cita, que cumpre 18 anos de traxectoria, contará co actor e director Rubén Riós como pregoeiro, e combinará tradición, cultura e dinamización do rural, reivindicando a identidade e o patrimonio cultural desta parroquia vilalbesa

A Tasca do Liño de Insua celebra este sábado a súa maioría de idade cunha xornada dedicada á recuperación dos saberes tradicionais e á cultura popular. A iniciativa, que acada as 18 edicións co apoio da Deputación de Lugo, reunirá no campo da festa de Insua, en Vilalba, demostracións de oficios, música e actividades participativas para poñer en valor unha tradición ligada á historia e á identidade do rural galego.

A programación presentouse este xoves na Deputación nun acto no que participaron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero.

O actor, director e activista cultural Rubén Riós será o encargado de pronunciar o pregón desta edición. Como novidade, a cita incorpora o patrocinio da Fundación Adolfo Domínguez, que colabora coa Asociación de Mulleres Rurais de Insua no marco da Iniciativa Galega polo Liño. A colaboración busca impulsar a proxección da artesanía e do téxtil tradicional galego. 

Durante a presentación, García Porto felicitou á asociación polo traballo desenvolvido ao longo destes anos e destacou a importancia de iniciativas que contribúen a conservar a cultura popular e a dinamizar o rural.

“A Tasca do Liño cumpre dezaoito edicións, e iso demostra que cando hai compromiso, ilusión e ganas de preservar o propio, as iniciativas medran e se consolidan”, afirmou a deputada. García Porto tamén salientou o papel das mulleres na conservación dos coñecementos tradicionais e na súa transmisión entre xeracións.

Recuperar o liño para preservar a memoria colectiva

A recuperación do proceso tradicional do liño é un dos eixes da celebración. O cultivo desta planta e a transformación da súa fibra para elaborar tecidos formaron parte durante séculos da vida cotiá das familias galegas. Era un traballo laborioso que, ademais de proporcionar recursos para os fogares, favorecía os encontros e a convivencia nas aldeas.

A presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero, destacou “o orgullo de chegar ás dezaoito edicións e de seguir conservando o legado das xeracións anteriores”. A asociación busca manter vivos os coñecementos sobre a sementeira e o tratamento do liño e achegalos ás persoas máis novas para que poidan coñecer as súas orixes.

Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, puxo en valor a iniciativa impulsada polas mulleres da parroquia e reivindicou o recoñecemento dun traballo que “durante moito tempo permaneceu invisible, malia a súa importancia para a vida das familias e das zonas rurais”.


Un completo programa de actividades para o sábado 31 de outubro

A xornada festiva e cultural arrancará este sábado 31 de outubro ás 11:00 horas no campo da festa de Insua (Vilalba) e ofrecerá un amplo abano de propostas ao longo de todo o día, organizadas pola Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua.
11:00 h. Apertura oficial da xornada.
11:15 h. Lectura do pregón a cargo de Rubén Riós.
12:00 h. Demostración tradicional da Tasca do Liño.
13:00 h. Actuación musical de Troupeleare, con Branca Villares e Pablo Pintor.
14:30 h. Comida popular (con reserva previa).
16:30 h. Actuación do grupo tradicional Entre Lusco e Fusco.
17:30 h. Segunda demostración da Tasca do Liño.
18:00 h. Degustación do tradicional cacho.
18:30 h. Actuación musical do grupo A Roda.
20:00 h. Queimada popular.

Durante toda a xornada haberá obradoiros infantís, talleres participativos de serigrafía e cianotipia, postos de artesanía e demostracións en vivo de oficios tradicionais como cerámica, fiado, palillado, talla en madeira e a elaboración de zocos.