A Deputación adxudica o equipamento da residencia de Becerreá por máis dun millón de euros
A institución provincial avanza para poñer en funcionamento un centro de atención a persoas maiores que disporá de 90 prazas de residencia e 40 de centro de día
A xunta de goberno tamén autorizou a contratación de melloras de estradas no Incio e convenios cos concellos de Quiroga, Antas de Ulla e Meira para distintas accións, como a recuperación do restaurante O Muíño, na vila meirega
A Deputación colaborará coa Asociación Boga Mariñeiro para instalar unha escultura en Viveiro en homenaxe á tradición mariñeira
A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do subministración do equipamento para o Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá por 1.058.847,70 euros. O contrato divídese en cinco lotes, que contan cun prazo de garantía de cinco anos, e quedaron adxudicados ás seguintes empresas:
• O lote 1 para mobiliario, aparatos electrodomésticos e produtos de limpeza e o lote 2 para equipamento e artigos médicos, farmacéuticos e de hixiene persoal, quedaron adxudicados a Industrias Hidráulicas Pardo S.L.
• O lote 3 para material de lavandería a Mariña Clima SL.
• O lote 4 para cortinas e material téxtil a Modogar Textil SL.
• E o lote 5 para sinais e artigos relacionados a Signo Creaciones SL.
A institución provincial continúa a dar pasos para a posta en marcha deste centro, que foi deseñado con 90 prazas de residencia e 40 de centro de día.
Hai unha semanas, a xunta de goberno adxudicou a contratación do equipamento e a adaptación das instalacións da cociña, en dous lotes. O primeiro, adxudicado á empresa Mariña Clima SL por 441.705,21 euros, inclúe o equipamento industrial e a adaptación das súas instalacións; mentres que o segundo quedou adxudicado á Socogas SA por 17.346,1€ e ten que ver coa subministración dun depósito de gas licuado do petróleo.
A residencia de Becerreá é un dos catro centros que a Deputación ten en construción neste momento, xunto aos da Pontenova, Guitiriz e A Pobra de Brollón, e que o actual goberno, con Carmela López á fronte, está tratando de desbloquear e de impulsar. Sumaranse ás nove residencias que ten en funcionamento noutros tantos concellos de provincia, xa que a institución aposta por un modelo de coidados de proximidade. O plan completaranse con algúns centros máis, como o de Cervantes. Os Orzamentos da Deputación de 2027 contemplarán partidas para tratar de avanzar neste proxecto.
Ademais a xunta de Goberno acordou dar luz verde a diferentes convenios de colaboración cos concellos de Quiroga, Meira e Antas de Ulla para diferentes actuacións. No caso da capital da Ulloa, a Deputación achegará 100.000 euros para apoiar ao Concello na atención dos custos enerxéticos asociados ao funcionamento dos servizos básicos municipais.
O restaurante O Muíño de Meira, máis preto de recuperar a súa actividade
O acordo co Concello de Meira servirá para que a institución provincial financie con 130.719,57 euros o equipamento do restaurante de propiedade municipal O Muíño. Esta contía permitirá completar a posta a punto das instalacións para que, a continuación, o Concello poida sacar a licitación a súa explotación. O obxectivo é avanzar na recuperación deste establecemento hostaleiro, moi valorado polos veciños de Meira e da contorna polas súas características e porque se atopa nunha contorna de especial interese, o parque Profesor Río Barja, atravesado polo río Miño.
O investimento destinarase fundamentalmente á adquisición e instalación de equipamento de cociña e de bar. Esta nova achega súmase aos 49.980,66 euros que a Deputación de Lugo destinou tamén a este Concello para a rehabilitación da cociña e o peche da terraza do restaurante.
Con estas intervencións, a Deputación apoia a recuperación dun local de titularidade municipal que leva máis de tres anos pechado. As melloras realizadas permitirán dispoñer dunhas instalacións renovadas e mellor equipadas, xa que a actuación inclúe o cerramento da terraza superior, de cara a unha nova licitación, co obxectivo de recuperar un servizo hostaleiro que contribúa á dinamización social, económica e turística da localidade.
Máis de 130.000 euros para renovar camiños en Quiroga
A Deputación de Lugo continúa apoiando os concellos da provincia con investimentos que contribúen a mellorar as infraestruturas e os servizos nos núcleos rurais, favorecendo así que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto de vida no territorio. Nese sentido, a xunta de goberno deste venres tamén aprobou un investimento de 131.652,22 euros para o arranxo e mellora de diferentes infraestruturas no Concello de Quiroga.
O investimento divídese en tres proxectos. O primeiro, dotado con 38.645,48 euros, permitirá actuar no lugar de Carballo e na parroquia de Fisteus mediante a limpeza de cunetas, canalización e pavimentación de rúas e camiños con formigón, así como traballos de reparación de danos e tratamento asfáltico para reparar os accesos que presentan un maior deterioro.
Outros 44.652,74 euros destinaranse a actuacións en Cereixido e Orxais. Neste caso, os traballos incluirán a mellora do camiño de acceso a Orxais, con limpeza de cunetas e mellora da drenaxe, así como a pavimentación dunha praza en Cereixido.
Por último, os 48.354 euros restantes irán destinados a diferentes melloras no núcleo de Quiroga. En concreto, acometerase a pavimentación e acondicionamento do camiño de acceso á zona do Museo Xeolóxico, ademais da reparación dun muro de escollera na contorna das Barrancas.
Estas actuacións permitirán mellorar o estado das infraestruturas municipais, facilitar os desprazamentos e ofrecer espazos públicos máis seguros e accesibles, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida da veciñanza tanto no núcleo urbano como nas diferentes parroquias do municipio.
226.000 euros para acondicionar dúas estradas no Incio
No que ten que ver coa mobilidade, a institución provincial vén de adxudicar por 226.897,53 euros as obras de mellora de tres tramos das estradas provinciais LU-P-1306 e LU-P-5603, ao seu paso polo Concello do Incio. O prazo previsto para executar os traballos é de catro meses.
Na LU-P-1306, que comunica Megoxe, Seceda e Ferrería de O Incio, a institución provincial actuará nun tramo de case catro quilómetros, entre os puntos quilométricos 21,124 e 24,886, no que se acondicionará o firme.
Na outra vía provincial, a LU-P-2503, que une O Incio coa LU-P-5603, actuarase en dous tramos, entre os quilómetros 2,500 e 2,600 e entre o 6,100 e o 6,900. Os traballos incluirán a mellora do firme con aglomerado en quente e actuacións para favorecer a evacuación das augas superficiais. Ademais, as intervencións completaranse co repintado das marcas viarias e a reposición da sinalización vertical.
Viveiro homenaxeará a súa tradición mariñeira cunha escultura de Francisco Leiro
Por último, a xunta de goberno deste venres tamén deu luz verde a unha subvención de 40.000 euros para colaborar coa Asociación Boga Mariñeiro de Viveiro na creación, fabricación e instalación dun conxunto escultórico inspirado na canción Catro vellos mariñeiros, do viveirense José Travieso Quelle.
A obra, que será realizada polo recoñecido escultor galego Francisco Leiro, pretende render homenaxe á identidade mariñeira de Viveiro e contribuír á conservación e difusión do patrimonio marítimo-pesqueiro da comarca. A actuación permitirá tamén dotar a este municipio dun novo elemento cultural e turístico permanente que reforzará a identidade da vila e contribuirá a dinamizar a súa oferta cultural.
O conxunto escultórico estará integrado por catro figuras e terá unhas dimensións de 2,70 metros de alto, 1,40 de ancho e 0,80 de fondo. A súa instalación está prevista no paseo marítimo de Viveiro, fronte á Porta de Carlos V. Esta iniciativa irá acompañada dun programa no que se incluirán obradoiros interxeracionais relacionados cos oficios e as tradicións mariñeiras e está previsto que se realicen a finais deste ano e durante o 2027.