A Deputación formará este ano 1.100 empregados propios e de arredor de medio cento de concellos
O salón de actos de San Marcos acolleu este venres a entrega de diplomas a traballadores que asistiron a cursos durante o primeiro semestre do ano, que en total foron 350
A contratación pública, a xestión de persoal, a intelixencia artificial e a normativa ambiental son algunhas das materias que se tratan
A Deputación entregou os diplomas aos empregados públicos que participaron nas accións formativas desenvolvidas durante o primeiro semestre do ano no marco do Plan Agrupado de Formación Continua 2026. Os cursos chegaron a profesionais de 31 concellos da provincia, ademais de persoal da propia institución provincial, e sumaron en total 350 persoas participantes e 245 horas de formación en liña. Esta edición rexistrou unha maior participación que en anos anteriores, cun incremento no número de empregados públicos que tomaron parte nas accións formativas.
Neste momento está finalizando a formación do segundo semestre. En total, uns 1.100 empregados da administración local actualizaron os seus coñecementos este ano, en materias tan diversas como a contratación pública, a intelixencia artificial, a xestión local, a normativa ambiental e a ciberseguridade, entre outras.
A entrega de diplomas realizada este venres contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela López, e do deputado de Formación, Miguel Fernández.
López agradeceu aos traballadores a súa implicación e compromiso coa aprendizaxe permanente. Durante a súa intervención, destacou a importancia de contar con persoal preparado e actualizado para mellorar a atención á cidadanía e avanzar cara a unhas administracións locais máis eficaces. “Investir na formación dos empregados públicos é investir directamente na calidade dos servizos que recibe a cidadanía”, afirmou, á vez que lles pediu que lles reportaran a súa opinión sobre a formación recibido. “Gustaríanos que nos trasladásedes se vos foi útil, se vedes necesario afondar nalgún tema, facela doutro xeito…”, sinalou.
Durante o primeiro semestre, entre as entidades con maior participación estiveron a propia Deputación, con 89 persoas, e o Concello de Lugo, con 43.
Os cursos: contratación, xestión laboral, medio ambiente, intelixencia artificial...
Os sete cursos celebrados no primeiro semestre trataron sobre cuestións directamente relacionadas co traballo diario das administracións locais, como a contratación pública, o procedemento administrativo común, a atención á cidadanía, a resolución de conflitos laborais e a protección do medio ambiente.
Tamén se incorporaron contidos sobre ciberseguridade nos contornos laborais e aplicacións da intelixencia artificial á xestión local, dous ámbitos que están a adquirir un papel cada vez máis relevante na transformación das administracións públicas.
Neste sentido, a presidenta incidiu na necesidade de acompañar a incorporación das novas tecnoloxías coa capacitación dos profesionais que as utilizan. A Deputación conta cunha estratexia de intelixencia artificial propia, Mencía, coa que a institución aposta por incorporar ferramentas que permitan simplificar procedementos, optimizar recursos e ofrecer servizos máis eficientes.
Vinte cursos durante 2026 abertos a máis de 5.000 empregados públicos
O Plan Agrupado de Formación Continua 2026 contempla un total de 20 cursos e está dirixido aos 5.114 empregados públicos das administracións locais da provincia. A oferta abrangue diferentes categorías profesionais e inclúe formación en materias xurídicas e administrativas, responsabilidade social e medioambiental, novas tecnoloxías, atención á cidadanía e innovación nas organizacións. A modalidade en liña permite que os profesionais de toda a provincia poidan acceder aos contidos sen necesidade de desprazarse.