A Deputación dará voz a catro historias inspiradoras para conmemorar o Día Internacional da Muller Emprendedora
A xornada reunirá a Aina Mena, Leticia Mon, Lucía López e Carmen Rojas, catro emprendedoras con historias de vida diversas e vinculadas á provincia e á innovación tecnolóxica, o turismo rural, o sector gandeiro e a recuperación de oficios tradicionais
A Deputación de Lugo celebrará o Día Internacional da Muller Emprendedora cunha xornada que busca visibilizar o talento, a iniciativa e o papel das mulleres na transformación económica e social da provincia, promovida pola área de Muller e Igualdade, que dirixe a deputada Marisol Morandeira.
Baixo o título Mulleres que emprenden, mulleres que inspiran, o encontro reunirá este venres 20 de novembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a catro protagonistas con traxectorias profesionais moi diferentes, pero cunha característica común: a súa aposta por impulsar proxectos propios e abrir novas oportunidades no seu ámbito. A entrada é de balde e non é necesario realizar unha inscrición previa.
A xornada contará coa participación de Aina Mena, fundadora de Opgan Tech; Leticia Mon, impulsora de Cabanas do Chao e Casa do Chao; Lucía López, veterinaria vinculada á actividade gandeira; e Carmen Rojas, impulsora de Tapicería Hermanos Rojas. O debate estará moderado por Paula Núñez, consultora en liderado e certificada pola Asociación Española de Coaching.
A xornada arrancará ás 19:00 horas coa apertura institucional, que consistirá nunha breve charla na que participará a deputada de Muller e Benestar, Marisol Morandeira.
A continuación, Núñez dará paso a cada unha das mulleres invitadas, para que presenten as súas historia de vida e de emprendemento. O acto continuará cun diálogo que guiará a condutora e no que as persoas do público tamén terán a oportunidade de intervir e de facer preguntas.
O encontro tamén servirá para dar a coñecer a programación que a Deputación deseñou para conmemorar o 25N, Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que comezará xusto ao día seguinte.
Tras a parte expositiva, o acto continuará nos corredores do Pazo de San Marcos, nos que as protagonistas e as persoas asistentes poderán intercambiar ideas e experiencias emprendedoras cun aperitivo.
Aina Mena: a intelixencia artificial aplicada á gandaría
Aina Mena, de 25 anos, é a fundadora de Opgan Tech, un proxecto nacido no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela que está detrás de Optimuu, unha iniciativa que aplica a tecnoloxía, a intelixencia artificial e a análise de datos ao sector gandeiro. Nacida en Barcelona e con raíces familiares en Cabarcos (Barreiros), estuda Robótica no Campus Terra, onde comezou a desenvolver a súa idea tras gañar unha iniciativa universitaria na que se premiaban propostas innovadoras. Posteriormente, o proxecto foi seleccionado polo programa Explorer da USC Lugo Space, que lle proporcionou apoio económico e asesoramento especializado. Na actualidade, Optimuu continúa avanzando mediante probas piloto nas que se está a validar o funcionamento e a utilidade da ferramenta antes da súa chegada ao mercado.
Leticia Mon: regreso á Montaña para coidar, orixe de dous negocios
Leticia Mon naceu en Vilaverde, en Navia de Suarna, e residía en Lugo antes de decidir, en 2021, regresar ao seu lugar de orixe para iniciar unha nova etapa vital. Foi entón cando xurdiu a idea de poñer en marcha Cabanas do Chao, un proxecto de aloxamento turístico que aposta por converter a paisaxe, o entorno e a identidade do territorio nunha oportunidade de desenvolvemento. Mentres avanzaba a restauración das cabanas, que abriron finalmente en 2025, xurdiu unha segunda iniciativa: Casa do Chao, unha casa de comidas que hoxe se consolidou como un restaurante de grande éxito. Dous proxectos que amosan o potencial do emprendemento para dinamizar a montaña lucense e crear novas oportunidades no rural.
Lucía López: unha veterinaria que fai queixos e visitas á súa gandeiría
Lucía López de Gandería Puluán (Monforte de Lemos) representa unha nova xeración de mulleres que está a incorporar formación e coñecemento ao sector primario. Veterinaria de formación, compaxina a súa actividade no negocio gandeiro familiar coa elaboración de queixos nunha queixería propia, na que destaca un produto macerado en Mencía da Ribeira Sacra. Ademais, a explotación ofrece visitas para achegar á cidadanía o traballo diario da actividade gandeira, unha iniciativa que ela mesma se encarga de desenvolver.
Carmen Rojas: unha historia de inmigración e reinvención profesional
Carmen Rojas chegou a Galicia desde Venezuela coa súa familia en 2022, deixando atrás o seu país e unha traxectoria profesional como licenciada en Estatística, profesora universitaria e asesora de traballos de grao. A súa chegada supuxo o reto de comezar de novo, tanto no ámbito persoal como no profesional. Ante esta situación, decidiu recuperar xunto coa súa familia o oficio da tapicería, que ata entón mantiñan case como unha afección, e fundar Tapicería Hermanos Rojas, un negocio situado en Lugo que conseguiu consolidarse con éxito. Esta iniciativa lles permitiu construír unha nova vida e avanzar cara a un dos seus principais obxectivos: ofrecer ás súas fillas a oportunidade de estudar e construír o seu propio futuro. A súa historia é un exemplo de capacidade de adaptación e reinvención ante os cambios.