Deputación de Lugo

A Deputación aposta pola mellora continua e a profesionalización de hostaleiros e adegueiros da provincia no curso “Vinos del Mundo”

APEHL
A iniciativa formativa, que estivo apoiada pola Deputación de Lugo, foi organizada pola APEHL e impartida polo Instituto Galego do Viño no Hotel Alfonso IX de Sarria. O deputado Iván Castro participou hoxe na súa clausura e entrega de diplomas.

O curso cubriu todas as prazas, cun total de 15 inscritos, e incluíu unha cata de 40 referencias internacionais de viños así como unha visita á Ribeira Sacra.

O deputado provincial, Iván Castro, participou hoxe no acto de clausura e entrega de diplomas do curso “Certificado en Cultura de Vinos del Mundo 2026”. A acción formativa, promovida pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) coa colaboración  da institución provincial, tivo lugar dende o 2 de novembro no hotel Alfonso IX de Sarria.

Durante o acto, no que participaron representantes da xunta directiva da APEHL, o equipo docente do Instituto Galego do Viño e o alumnado do curso, Iván Castro destacou o compromiso da Deputación de Lugo coa mellora continua e a profesionalización do sector hostaleiro e turístico da provincia.

15 participantes, 50 horas de formación especializada e 40 referencias catadas

O “Curso Certificado en Cultura de Vinos del Mundo 2026” desenvolveuse ao longo de seis xornadas intensivas nos días 2, 3, 9, 10, 16 e 17 de novembro, en horario de mañá e tarde, sumando un total de 50 horas formativas. A actividade foi de carácter totalmente gratuíto  e cubriu o total de prazas ofertadas, con 15 participantes inscritos, procedentes do sector hostaleiro e de diferentes adegas da provincia.

Impartido por docentes do Instituto Galego do Viño, entidade dirixida por Xoán Cannas, o programa permitiu ao alumnado estudar e catar preto de corenta referencias de viños galegos, do resto de España así como Europa e outras partes do mundo, mantendo ao mesmo tempo o foco no valor incalculable do produto local e nas denominacións de orixe da terra. 

O itinerario formativo rematará mañá martes, 17 de novembro, cunha viaxe enoturística e didáctica a diferentes da Ribeira Sacra.

Esta acción encádrase no convenio de colaboración entre a APEHL e a Deputación de Lugo, e ten por obxectivo de consolidar a provincia de Lugo como un referente no enoturismo e na calidade gastronómica.

Aposta pola formación e a excelencia hostaleira

Na súa intervención, o deputado provincial subliñou que "apostar pola formación é apostar polo futuro", sinalando que a hostalería, o turismo e a enogastronomía constitúen "un dos motores económicos e de cohesión social máis importantes da nosa provincia".

Iván Castro puxo en valor a busca constante da excelencia por parte dos profesionais lucenses, afirmando que iniciativas impulsadas pola APEHL co apoio das administracións demostran que o sector "non se conforma con acadar o notable; busca sempre a matrícula de honra". Así mesmo, felicitou persoalmente aos participantes polo esforzo realizado durante estas semanas para compaxinar a súa actividade profesional e persoal con este compromiso co saber, destacando que o coñecemento adquirido supón "un salto cualitativo para os seus negocios, para os seus establecementos e para o conxunto da hostalería lucense".