Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Os mozos do IES Lucus Augusti fórmanse en igualdade da man da Deputación e ACADAR

ACADAR
IES Lucus Augusti
Os mozos do IES Lucus Augusti fórmanse en igualdade da man da Deputación e ACADAR
Santos Ramos participou xunto a 20 alumnos do centro lucense nas sesións formativas sobre igualdade que promove o Goberno da Deputación en colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade a través do programa Ver para erradicar

O Voceiro do Goberno subliñou que “dende as administracións públicas debemos continuar a desenvolver políticas que contemplen o xénero e a discapacidade de forma transversal, que deben complementarse con actuacións formativas a todos os niveis”

Ademais dos rapaces do IES Lucus Augusti, nesta iniciativa participaron mozos do instituto de Guitiriz, así como do IES Daviña Rei de Monforte. Son, en total, uns 60 alumnos da provincia os que recibiron clases sobre igualdade e non discriminación

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, participou este venres nas sesións formativas sobre igualdade que promove o Goberno da Deputación en colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade (ACADAR). Foron preto dunha vintena de mozos do IES Lucus Augusti os que participaron nesta xornada na que coñeceron a situación real das barreiras e discriminacións que sofren as mulleres discapacitadas.  Fixérono da man de Mónica Álvarez, Presidenta de ACADAR, que lles contou as súa experiencia sendo muller e discapacitada.

Santos Ramos destacou que “a través deste tipo de xornadas, dende a Deputación promovemos valores sociais tan importantes como a igualdade ou o respecto, e supoñen un grande beneficio de concienciación e sensibilización fronte á desigualdade. Dende as administracións públicas debemos continuar a desenvolver políticas que contemplen o xénero e a discapacidade de forma transversal, que deben complementarse con actuacións formativas a todos os niveis”.

Obxectivos das xornadas


O programa Vio7: Ver para erradicar ten como finalidade promover entre a mocidade as relacións igualitarias, concienciar sobre a violencia de xénero, visibilizar as capacidades e necesidades das mulleres, mudar a imaxe social das persoas en situación de exclusión social e promover a empatía e o coñecemento da realidade das persoas en situación de exclusión social de Galicia, así como capacitar ao alumnado participante nas relación igualitarias.

Clase de igualdade a alumnos da provincia


Ademais dos rapaces do IES Lucus Augusti, nesta iniciativa de Deputación e ACADAR participaron mozos do instituto de Guitiriz, así como do IES Daviña Rei de Monforte de Lemos. Son, en total, uns 60 alumnos da provincia os que participaron nestas xornadas nas  recibiron clases sobre igualdade e non discriminación.