Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa edición dun novo número da revista Muralla Aberta que edita a UNED

UNED
convenios
publicación
Esta publicación anual, que ten como obxectivo promover a actividade cultural na provincia a través do uso das novas tecnoloxías, leva a arte urbana na súa portada e conta con 12 artigos. Pode descargarse gratis en lugoculturadixital.es

A Deputación de Lugo colabora coa edición dun novo número da revista de cultura dixital Muralla Aberta que edita o Centro Asociado da UNED en Lugo. Trátase do cuarto exemplar dunha publicación anual que ten como obxectivo promover a actividade cultural na provincia a través do uso das novas tecnoloxías. A institución provincial colabora cunha achega de preto de 300.000 euros anuais coa Universidade de Educación a Distancia para gastos derivados do centro lucense e a posta en marcha de diferentes proxectos cos que o seu alumnado pode ampliar a súa formación.

O novo exemplar da Muralla Aberta leva a arte urbana na súa portada e conta con 12 artigos, entre eles os da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, que fai un repaso polos mellores graffitis da capital, e o do guía turístico Guido Álvarez, que pon en valor o turismo de proximidade. 

O número tamén aborda o proxecto Lugo NaturalMente posto en marcha pola UNED ao longo do curso 19-20 e que tratou de incidir en aspectos relacionados coa optimización de recursos e o coidado do impacto no medio ambiente a través de diferentes actuacións como a concienciación na importancia da separación de residuos, a moda sostible ou a posta en valor do patrimonio ambiental.

A revista Muralla Aberta, que pode descargarse de xeito gratuíto a través da páxina web lugoculturadixital.es, aposta de novo polo contido innovador e o formato interactivo con contido audiovisual. 

Con esta colaboración, a Deputación demostra unha vez máis o firme compromiso que mantén coa UNED dende hai anos. A institución provincial financiou a construción da sede deste centro en Lugo, deixando de ser a única capital galega na que a Universidade a Distancia non tiña centro físico, e tamén axudou a súa consolidación, pois a día de hoxe inclúe 22 ofertas de titulacións de grao.

* FOTOGRAFÍA DE ARQUIVO

Portada_revista_MurallaAberta