Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación cede ao Ministerio de Transportes terreos para construír a rotonda da N-VI no enlace con Alfonso X

infraestruturas públicas
Firma cesión terreos
A nova infraestrutura supoñerá “unha gran mellora das comunicacións para a cidade de Lugo e para o resto da provincia polo carácter estratéxico da estrada”, subliñou o Presidente no acto de sinatura da cesión dos terreos, celebrado no Concello de Lugo coa presenza da Alcaldesa e do Secretario Xeral de Infraestruturas do Goberno central

O acordo demostra “o bo resultado da colaboración entre administracións para a cidadanía, que o proxecto favorecerá a distribución do tráfico dunha maneira máis áxil e segura nun nó de comunicacións cunha alta densidade circulatoria e que a provincia volve a estar no mapa das infraestruturas do Estado despois de anos de abandono”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este luns a cesión gratuíta da titularidade de terreos provinciais ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a construción dunha rotonda na estrada N-VI á altura do enlace coa rúa Alfonso X O Sabio da capital lucense. Trátase dunha nova infraestrutura viaria “que supoñerá unha gran mellora das comunicacións para a cidade de Lugo, pero tamén para o resto da provincia polo carácter estratéxico desta estrada”, subliñou o Presidente no acto, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Lugo coa presenza da Alcaldesa, Lara Méndez, e do Secretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio, Sergio Vázquez Torrón, xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

José Tomé asegurou que a firma da cesión de terreos ao Ministerio de Transportes por parte da Deputación e do Concello de Lugo para a construción da rotonda da N-VI “pon de manifesto o bo resultado que ten a colaboración entre administracións para a cidadanía, para mellorar o día a día da xente, sobre todo nun ámbito tan importante como é a mobilidade, que inflúe de maneira determinante na calidade de vida das persoas, e na actividade económica e na competitividade do tecido empresarial”.

Tamén queda de relevo, indicou o Presidente, que a nova infraestrutura “favorecerá a distribución do tráfico dunha maneira moito máis áxil e segura nun nó de comunicacións estratéxico  cunha alta densidade circulatoria, como é o enlace da N-VI coa rúa Alfonso X, o que facilitará os desprazamentos a servizos públicos de referencia, como o Campus Universitario, e facilitará tamén as comunicacións co resto da rede de estradas que discorre pola provincia”.

Así mesmo, o acto de hoxe puxo de manifesto, “unha vez máis”, recalcou José Tomé, “que a provincia de Lugo volve a estar no mapa das infraestruturas do Estado. Logo de anos de total abandono, o Goberno de España está poñendo de novo na axenda política e, o máis importante, na consignación dos Orzamentos, proxectos fundamentais para o futuro da provincia de Lugo que levaban moito tempo parados, ralentizados ou que directamente foran eliminados”.


“O Goberno do Estado cumpre coa provincia de Lugo e dálle á Administración autonómica un espello no que mirarse. Dende logo, persoalmente, como Presidente da Deputación de Lugo, gustaríame atopar en San Caetano a mesma disposición ó diálogo, o interese pola provincia e a capacidade para executar proxectos que demostra o Goberno central, especialmente en materia de infraestruturas”, asegurou o mandatario provincial.


A Deputación de Lugo, afirmou o Presidente, seguirá aberta á colaboración co resto de administracións, “sexan da cor política que sexan, para sacar adiante proxectos en beneficio da cidadanía, e seguiremos tamén mellorando a mobilidade, e reivindicando as infraestruturas de comunicación que son imprescindibles para o futuro da provincia de Lugo”.

Os terreos de titularidade provincial que a Deputación de Lugo cedeu ao Ministerio de Transportes teñen unha superficie de 371 metros cadrados e servirá para mellorar a seguridade na contorna da N-VI no punto quilométrico 498,8. A cesión foi aprobada na sesión ordinaria do Pleno da Corporación provincial do 24 de novembro de 2020.