Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente presenta na Pontenova o proxecto do Centro de Maiores que a Deputación construirá neste concello

Residencias
centro de maiores
A Pontenova
CAM A Pontenova
José Tomé Roca xunto co Alcalde deu a coñecer este venres os detalles desta nova residencia que institución provincial construirá cun investimento de 2M€ co mesmo modelo asistencial que as 6 residencias que a día de hoxe ten en funcionamento

Esta dotación social contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día nun edificio situado nunha parcela de máis de 2.000 metros cadrados na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz. Terá dúas plantas, un semisoto e un ático, coa particularidade de que todos os cuartos estarán orientados cara o río o Eo

O mandatario provincial anunciou que as obras xa están en proceso de licitación. O mércores acabou o prazo de presentación de ofertas e agora a Mesa de Contratación avaliará as tres propostas presentadas. Para iniciar os traballos tamén será preciso obter os preceptivos permisos da Xunta, da que “esperamos disposición e axilidade”

O novo centro terá unha importante función social, ao garantir o arraigo e o benestar dos maiores, e tamén función económica, coa creación de 25 empregos directos e xerar necesidades ás que se lle dará resposta cos produtores e negocios locais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres xunto ao Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, o proxecto do Centro de Atención a Maiores que a institución provincial construirá neste concello mariñano. Un acto que tivo lugar na parcela onde se levantará esta dotación social que se atopa na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz, e no que tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, a Corporación municipal pontenovense e o arquitecto encargado da redacción do proxecto, Jesús Bouza Fernández. 

“Hoxe estamos aquí presentando o proxecto de construción do Centro de Atención ás Persoas Maiores da Pontenova e, tamén, para anunciar que as obras do edificio que se construirá xusto aquí, xa están en proceso de licitación, cun orzamento de preto de 2M€”, explicou Tomé Roca. “Chegar ata este punto é o froito dun traballo constante, que seguiremos facendo porque queremos cumprir cos compromisos que a Deputación ten adquiridos cos concellos e porque achegar os servizos públicos á xente é  imprescindible para manter a poboación e para que o noso rural siga vivo”.

O mandatario provincial explicou que este pasado mércores rematou o proceso de presentación de ofertas por parte das empresas que optan ás obras de construción do edificio, e indicou que a partir de agora será a Mesa de Contratación a que se encargue de avaliar as tres propostas que se presentaron e decida a empresa adxudicataria. Ademais deste proceso, tamén será necesario obter os preceptivos permisos, “para os que esperamos atopar disposición e axilidade por parte da Xunta de Galicia”, afirmou José Tomé.  

O Presidente detallou que “para sacar adiante este proxecto, a Deputación de Lugo inviste preto de 2M€, aos que hai que engadir a parte do Concello, que chega a uns 300.000€”, concretou. Este investimento destínase ás obras de construción da residencia, pero tamén incluíu a redacción do proxecto, a licenza municipal e a adquisición da parcela, entre outros trámites administrativos que son necesarios. 

 

Un modelo propio

O Centro de Atención a Maiores da Pontenova contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. José Tomé Roca concretou que se creará seguindo o modelo propio que ten a Deputación de Lugo para a súa Rede de Residencias provinciais, que difiren das do sistema da Administración autonómica. “Son centros públicos cunha xestión pública e con prazas 100% públicas e polo tanto, o noso modelo pon no centro ás persoas, tendo como único obxectivo prestar a mellor atención posible aos usuarios e usuarias, sen buscar o negocio nin a rendibilidade económica”. 

Á súa vez, o Presidente tamén especificou que as residencias da Deputación garanten o arraigo porque se dá prioridade no acceso ás prazas ás persoas do concello no que se asentan os centros. “É dicir, os veciños e veciñas da Pontenova serán os primeiros que poderán solicitar no seu día praza no centro que construiremos aquí”, explicou. Concretou que as residencias da Deputación tamén garanten o arraigo porque “son centros de pequeno tamaño, cunha media de 30 prazas e con 25 traballadores que normalmente son do propio concello ou da comarca. Ademais, estes centros están integrados nos pobos e nas vilas, cerca doutros servizos públicos e dos lugares nos que os veciños desenvolven o seu día a día, como sucede aquí na Pontenova”.

En terceiro lugar, Tomé Roca puxo o foco en que o modelo de residencias da Deputación crea emprego e actividade económica. “Con cada centro, xeramos unha media de 25 novos postos de traballo, ademais de empregos indirectos e de actividade económica. Por exemplo, os produtos para a cociña serán de produtores de proximidade, pero tamén a farmacia, a hostalería ou o comercio notarán ese aumento de actividade económica co funcionamento da residencia”. 

Actualmente a Deputación ten en funcionamento seis residencias nas localidades de Ribadeo, Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, coa previsión de abrir outras dúas neste 2021: unha en Meira e outra en Navia de Suarna. “Traballamos para cumprir os compromisos cos concellos e cos veciñas e veciñas en materia de residencias, aínda cando a competencia en materia de servicios sociais é, por Lei, da Administración autonómica; cando a Administración autonómica non está colaborando nin na construción nin para o funcionamento destes centros provinciais; e cando ten 100 veces máis Orzamento que a Deputación de Lugo”, incidiu o Presidente. 

 

Características

A residencia da Pontenova construirase nunha parcela cunha superficie de máis de 2.000 metros cadrados. Será un edificio de dúas plantas, un semisoto e un ático e terá capacidade para 30 prazas de residencia e 20 prazas de centro de día. Na primeira e na segunda planta haberá 24 dormitorios, con habitacións individuais e dobres. Todos os cuartos estarán orientados cara o río Eo, xa que se trata dun edificio “pensado para que se integre neste enclave, con zonas de paseo e de descanso ó aire libre. 

A planta baixa do edificio albergará unha cociña, un comedor, unha área de recepción, unha sala polivalente, unha sala para terapia ocupacional, aseos adaptados, almacéns e diferentes cuartos multiusos. 

A primeira planta contará con habitacións individuais e dobres cos seus correspondentes baños, zona de enfermería con dormitorio e aseos, e cuartos de limpeza. 

Na segunda planta tamén se disporán habitacións individuais e dobres cos seus correspondentes baños e cuartos de limpeza. Pola súa banda, no ático construirase unha zona de mantemento.