Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación presenta en Pantón o proxecto da residencia

Residencias
Pantón
José Tomé Roca subliña que a presentación do centro de maiores, celebrada na Casa da Cultura de Ferreira, demostra que a Deputación “cumpre cos compromisos cos concellos, sexan da cor política que sexan, traballando por igual para todos, e que somos unha administración fundamental para achegar os servizos públicos aos veciños”

O edificio construirase nunha parcela de 850 metros cadrados situada no centro do pobo, na rúa Ourense, o que permitirá ós usuarios levar unha vida plenamente integrada co resto da veciñanza

A residencia de Pantón contará con entre 30 e 39 prazas, en función da ocupación, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, todas elas espaciosas e adaptadas ás persoas con mobilidade reducida

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres xunto ao Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, o proxecto do Centro de Atención a Maiores que a institución provincial construirá neste concello da Ribeira Sacra. Un acto público que en primeiro termo acolleu a Casa da Cultura de Pantón e que continuou cunha visita á parcela onde se levantará esta dotación social, que se atopa no centro de Ferreira, na rúa Ourense. 

“A residencia de Pantón terá grandes beneficios para este concello e para toda a comarca. Estamos falando de que será a obra pública, posiblemente, das máis importantes que se fixo neste municipio dende hai tempo”, subliñou o Presidente na presentación do proxecto, na que tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Corporación municipal de Pantón e o arquitecto encargado da redacción do proxecto, Ramón Carlos Fernández Losada.  

O feito de que se presente este proxecto demostra, en palabras de Tomé Roca, “que na Deputación de Lugo cumprimos co compromiso adquirido co Concello e cos veciños e veciñas de Pantón de facer unha residencia, que traballamos para os 67 concellos da provincia por igual, sexan da cor política que sexan, e que seguimos criterios obxectivos e sen sectarismos”. 

Neste sentido, o Presidente lembrou que cando tomou posesión, en xullo de 2019, encargouse de formalizar o compromiso que existía co Alcalde de Pantón de construír unha residencia neste concello asinando ese mesmo ano un protocolo de colaboración, momento a partir do que a Deputación comezou a traballar na redacción do proxecto. 

O mandatario provincial avanzou que nos Orzamentos da Deputación de Lugo para este 2021 xa está reservada unha partida económica para dar o seguinte paso administrativo,  a sinatura do convenio entre a institución provincial e o Concello, que previsiblemente se formalizará antes de que acabe o ano.

Así mesmo, José Tomé destacou que o acto de hoxe demostra que “a Deputación de Lugo é unha administración fundamental para achegar os servicios públicos á veciñanza da provincia, sobre todo á que vive no rural”. 

Por Lei, lembrou o Presidente, a Administración autonómica é a que debe ocuparse de abrir residencias de maiores, pero non está colaborando coa Deputación de Lugo nin na construción nin no funcionamento destes centros. “Aínda así”, recalcou, “estamos sacando adiante os nosos compromisos cos concellos porque estamos seguros de que acercar os servizos públicos aos veciños é a mellor forma de favorecer a súa calidade de vida e de manter vivo o noso rural”.

Así, lembrou que a Deputación de Lugo ten na actualidade seis centros de atención a maiores abertos -en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro- e que poñerá en marcha antes de finalizar o ano os de Meira e Navia de Suarna. Ademais, a semana pasada presentou o proxecto da residencia da Pontenova, cuxas obras xa están en proceso de licitación, e adxudicou a construción das instalacións da Pobra do Brollón.

“Dende ese compromiso firme e claro que nos trouxo ata aquí, seguiremos avanzando para que a aspiración dos veciños de Pantón sexa unha realidade, a pesar da pandemia que dificultou a xestión das administracións, como foi neste caso. Queremos ofrecerlles unha residencia de primeiro nivel, que favorecerá o benestar das persoas maiores e das súas familias, e que creará emprego e actividade económica neste concello”, aseverou.

Acolledora, pola situación e o deseño

O proxecto da residencia de Pantón é o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación.  “Isto ten a vantaxe de que se incorporaron todas as melloras que se foron detectando grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, concretou Tomé Roca. 

“Será moi acolledora, tanto pola súa situación, en pleno centro de Ferreira, o que permitirá que os usuarios vivan plenamente integrados co resto da veciñanza, como polo seu deseño, pensado por e para as persoas, de tal xeito que favorecerá unha atención personalizada e unha convivencia agradable”, destacou sobre a nova dotación social.

Un modelo asistencial propio

Seguindo o modelo asistencial da Deputación, o Centro de Atención a Maiores de Pantón será público, explicou o Presidente, co que “o único obxectivo será prestar a mellor atención posible ás persoas que vivan nel, que se sintan como na súa casa”. “As residencias da Deputación están centradas nas persoas, non buscan o negocio, aquí non hai beneficio empresarial, o único beneficio vai ser para as persoas”, afirmou.

O centro de maiores tamén favorecerá o arraigo dos veciños e veciñas e, polo tanto, “a súa calidade de vida e que a xente se quede a vivir en Pantón”, porque a veciñanza do concello terá prioridade no acceso ás prazas, logo os residentes en municipios limítrofes e os do resto da provincia. 

O modelo da Deputación garante que calquera persoa, independentemente da súa situación económica, poida acceder ás prazas porque os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. 

As residencias da Deputación tamén garanten o arraigo porque son centros de pequeno tamaño, con traballadores que normalmente son do propio concello ou da zona, e que están plenamente integradas no día a día das vilas nas que se asentan, como é o caso de Pantón.

Así mesmo, a residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou produtores de alimentos. 

Características

O Centro de Atención a Maiores de Pantón da Deputación de Lugo terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. Todas as habitacións serán accesibles e amplas, e contarán con cuarto de baño propio. 

O deseño repara no cumprimento de barreiras arquitectónicas e está configurado nunha edificación onde prima a luminosidade e a iluminación natural con grandes zonas acristaladas, tanto nos dormitorios coma nas salas e zonas comúns. O edificio constará dunha planta semisoto, unha planta baixa, dúas plantas altas e un ático.

No semisoto situarase unha sala de estimulación multisensorial, despachos para o persoal, vestiarios e almacéns. A planta baixa é a de acceso principal. Albergará o comedor, a cociña, a zona de administración e dirección, salas de convivencia e de actividades, así como cuartos de baños. As dúas plantas superiores acollerán as habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño, ademais de almacéns e locais de limpeza. No ático está a zona de lavandería, locais das instalacións e almacéns. 

O edificio terá unha alta eficiencia enerxética. Case toda a enerxía necesaria para a auga quente sanitaria procederá de fontes de enerxías renovables ou aproveitando o calor residual. Ademais, irá moi ben illado, o que fará que teña un consumo case nulo. 
 

Pantón residencia