Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora con 36.000€ na celebración do 125 aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla

Deputación de Lugo
Antas de Ulla
Banda de Música de Antas
 celebración do 125 aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla
O Presidente, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, puxo en valor o labor desta formación musical, das máis antigas de Galicia, que axuda a dinamizar este concello e pon en valor as tradicións e a cultura da provincia

José Tomé destacou que “o rural necesita comunicacións, servizos públicos e investimentos, pero tamén necesita o impulso da cultura”

A institución provincial achega 18.000€ á Banda de Música para distintos actos conmemorativos, ademais de organizar unha exposición e a edición dun libro e dous vídeos sobre a historia da formación, uns traballos valorados noutros 18.000€

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron este mércores na presentación dos actos conmemorativos do 125 aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla, cos que colabora a institución provincial con aportacións que suman uns 36.000€. No acto, que tivo lugar na Praza Nova do concello, Tomé Roca destacou o importante papel que a agrupación musical ten para poñer en valor as tradicións e a cultura da provincia.

“Unha traxectoria de 125 anos como a que ten a Banda de Música de Antas de Ulla, unha das máis antigas de Galicia, demostra a calidade do traballo realizado. Demostra que hai un gran labor detrás, pero tamén moita ilusión, constancia, vocación artística, amor pola música, e moitas ganas de poñer en valor a nosas tradicións e cultura”, sinalou o Presidente.

A Deputación de Lugo achega 18.000€ á Banda para a celebración dos distintos actos conmemorativos e, ademais, organiza unha exposición, e a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da historia da formación. A mostra -que conta cunha achega de 18.000€ da institución provincial- inclúe sete monolitos con imaxes da Banda que ilustran a cronoloxía destes 125 anos. A Deputación axudará tamén na edición de 1.000 exemplares do libro e na divulgación dos vídeos, que foron realizados polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial.

Tomé Roca felicitou e recoñeceu o traballo de “todas aquelas persoas que dalgún ou outro xeito fixeron posible ó longo da historia que a Banda de Música de Antas chegase ata aquí, e que o faga con tan boa saúde, porque é hoxe un proxecto máis novo ca nunca, na súa enerxía, no seu entusiasmo e novo na idade media dos músicos da agrupación, que está nos 18 anos”. O mandatario provincial destacou neste sentido que “é moi importante celebrar unha traxectoria tan longa dende a garantía de contar cunha canteira para seguir no futuro”.

A Deputación de Lugo, que nos últimos anos fixo diferentes aportacións económicos á  Escola e a Banda de Música de Antas de Ulla para a compra de material e o funcionamento da propia agrupación, adquiriu o compromiso de apoiar e impulsar o tecido asociativo da provincia co fin de dinamizar e manter vivo o rural. 

“Colaboramos coa Banda de Antas porque é un referente e porque a formación musical e a cultura que representa esta agrupación resulta fundamental para este concello e para toda a comarca da Ulloa”, sinalou o Presidente, que engadiu que “o rural necesita comunicacións, servizos públicos e investimentos, e tamén o impulso da cultura”.

 

Unha agrupación embaixadora de primeiro nivel

José Tomé explicou que coa colaboración da Deputación de Lugo “queremos recoñecer ademais o apoio dos veciños e veciñas de Antas a esta formación, e o esforzo dos socios e socias dunha Banda que non é municipal, senón que xurde pola implicación dunha asociación, dun grupo de veciños, que decidiron apostar por unha manifestación cultural que difunde o nome de Antas de Ulla no panorama cultural lucense, galego e nacional. A Banda de Música é unha embaixadora de primeiro nivel, que atrae interese e que contribúe, polo tanto, á proxección turística desta comarca e de toda a provincia”.

A agrupación musical, fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. 

 

Outros proxectos

O Presidente lembrou tamén o compromiso da institución provincial co concello de Antas de Ulla, onde se levará a cabo o proxecto do Parque Central de Galicia que a Deputación de Lugo creará no centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante. “Un proxecto que marcará un antes e un despois neste concello e na comarca da Ulloa, a nivel de promoción, turístico e económico”, destacou o Presidente.