Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente recolle en Salvaterra a bandeira que confirma que a Gold River Race 2022 sairá de novo da provincia

Deputación de Lugo
Gold River Race
turismo
A Gold River Race 2022 sairá de novo da provincia
José Tomé Roca participou na clausura da primeira edición da regata, coa que colabora a institución provincial para impulsar o piragüismo, no que a provincia é unha potencia, e a promoción do territorio e o turismo a través do deporte

A Gold River Race, que discorreu pola provincia ao longo de 35 quilómetros, naceu sendo a regata máis longa de toda Europa e aspira a converterse co tempo na de maior percorrido do mundo superando á arxentina de Río Negro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo en Salvaterra de Miño na clausura da primeira edición da Gold River Race, un acto no que recolleu a bandeira que confirma que esta regata partirá de novo no 2022 da provincia de Lugo, dende a súa capitalidade. “É unha honra que a organización volva a contar coa nosa provincia”, subliñou José Tomé, quen avanzou que a Deputación está aberta a “seguir traballando e colaborando no  obxectivo de consolidar esta proba e chegar a convertela na regata máis longa do mundo”, superando á arxentina de Río Negro.

A Gold River Race naceu neste 2021 sendo a regata máis longa de toda Europa con 100 quilómetros, dos que 35 transcorreron pola provincia de Lugo. Os participantes padexaron pola provincia lucense na primeira xornada saíndo de Augasmestas, en Quiroga, ata Santo Estevo de Ribas de Sil pasando por Monforte e Sober.

O Presidente felicitou aos vencedores da proba, “que levarán sempre no seu currículum a honra de ter inaugurado o palmarés da que, sen dúbida, vai ser unha proba de referencia a nivel internacional”; aos participantes, “por competir demostrando os mellores valores do deporte, como o esforzo, constancia, superación, convivencia e respecto”; e á organización, porque “a regata  foi un éxito e contan cunha base moi sólida para seguir medrando no futuro”.

O mandatario provincial destacou que a Deputación de Lugo colabora con esta cita deportiva para impulsar o piragüismo, no que a provincia é unha potencia, “polas características das nosas paisaxes fluviais, e pola canteira de deportistas e afeccionados que, ano tras ano, lle dan impulso a este deporte na nosa terra”, e para impulsar a promoción do territorio e o turismo a través do deporte. 

“Hoxe gañamos todos. Gañaron os deportistas e as deportistas que participaron na regata; gañan os veciños e veciñas dos concellos polos que transcorreu a proba, que incorporan á súa oferta de ocio e turismo un novo elemento de enorme atractivo e proxección; e gaña tamén o noso medio ambiente e os nosos ríos, que se poñen de novo en valor con imaxes que revelan a súa fermosura e o seu potencial”, asegurou José Tomé, engadindo que “os triunfos que buscamos dende a Deputación de Lugo son precisamente eses: os que apoian o deporte; os que lle dan maior proxección á nosa provincia; os que favorecen o turismo sostible e de calidade; e os que axudan o desenvolvemento social e económico do territorio”.