Deputación de Lugo

O Presidente felicita a Adrián Ben polo campionato de España nos 800 metros lisos

José Tomé deu os parabéns ao atleta viveirense pola súa actuación o pasado domingo en Xetafe, onde se colgou a medalla de ouro e certificou a súa presenza nos Xogos Olímpicos de Tokio que comezan o vindeiro mes de xullo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, felicitou, no seu nome e no da Corporación provincial, ao atleta viveirense Adrián Ben polo título do campionato de España na disciplina dos 800 metros lisos acadado esta pasada fin de semana en Xetafe. O mandatario provincial quixo transmitir os seus parabéns ao deportista lugués pola medalla de ouro, coa que certifica tamén a súa presenza nos Xogos Olímpicos que se disputarán en Tokio.

Ben logrou o título na proba máis cara do circuíto, a última, logo dun ataque demoledor a falta de 150 metros que deixou sen capacidade de reacción a todos os seus rivais e que lle permitiu facerse cunha das tres prazas que terán os atletas españois na cita olímpica para a modalidade dos 800 metros.

Tomé Roca celebrou que o vindeiro mes de xullo o viveirense vaia levar o nome da provincia a un escenario que centra a atención de todo o mundo e puxo en valor a constancia do atleta ao longo da súa traxectoria deportiva, concretamente nesta tempada, logo de recuperarse dunha lesión de fémur que o lastrou o pasado curso na modalidade ao aire libre. 

“Os valores e o traballo de Adrián Ben son un orgullo para todos e todas os lucenses, demostrando que os obxectivos marcados poden acadarse con esforzo constante”, resaltou o Presidente.

 

*A fotografía é de arquivo, do 2019