Deputación de Lugo
Medio ambiente

O Presidente entrega 54 hortos urbanos do Río Rato a novos usuarias e usuarios

Deputación de Lugo
Medio Ambiente
hortos urbanos
hortos urbanos do Río  Rato
A Deputación ten adxudicadas xa 109 parcelas de 30ms2 cada unha neste entorno, xa que anteriormente foron concedidos 55 terreos provinciais a persoas e entidades locais que xa foran beneficiarias para o seu cultivo durante un período de dous anos

A segunda fase da asignación dos hortos realizouse mediante un proceso de concorrencia competitiva no que primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social

José Tomé subliñou que a Deputación busca que a cidadanía “lle saque partido a estes terreos públicos cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa, que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e que axuda a concienciar no coidado do medio ambiente”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, fixo entrega de 54 novos hortos urbanos que a institución provincial ten no Paseo do Río Rato. Estas parcelas foron adxudicados a persoas e entidades que non foran titulares de estas parcelas provinciais con anterioridade e súmanse aos 55 terreos xa entregados no mes de marzo.

Nesta segunda fase de asignación, os terreos, de 30ms2 cada un, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que se primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social. A listaxe definitiva foi aprobada pola Xunta de Goberno. Con esta adxudicación, na actualidade atópanse en uso 109 hortos urbanos dos 150 que a Deputación de Lugo ten no Río Rato. Os 41 restantes tamén se asignarán mediante concorrencia competitiva nun novo proceso.

José Tomé agradeceu aos novos usuarios e usuarias que se sumen “a este proxecto tan interesante que temos en marcha na Deputación de Lugo e que contribúan, desta forma, ao obxectivo para o que está pensado, que veciños e veciñas, colectivos e centros de ensino lle saquen partido a estes terreos públicos cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa, que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e que axuda a concienciar no coidado do medio ambiente”.


O Presidente e os deputados provinciais entregaron aos adxudicatarios unha carpeta coa documentación da parcela, xunto con material de traballo, como guantes e ferramentas de labranza, e plantas de horta. “Poñemos á súa disposición un servizo de dinamización dos hortos urbanos, que lles dará asesoramento en diversos temas e semanalmente poderán participar de balde nas distintas actividades que se organizan para un mellor aproveitamento da terra”, recordou o mandatario provincial aos novos titulares das parcelas.

Tomé Roca desexou “unha boa colleita” aos 54 novos titulares e destacou que “aínda quedan libres 41 parcelas no Rato. Espero que o exemplo de todos e todas os novos usuarios sexa a mellor carta de presentación para as persoas interesadas”. 

 

Remodelación dos hortos

A Deputación de Lugo conta con 175 hortos uniformes de 30 metros cadrados, 150 no Paseo do Rato e 25 en Paradai, tras a remodelación integral destes terreos públicos que permitiu aumentar a capacidade do espazo en 25 hortas. Esta mellora supuxo un investimento preto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos. 

A estas melloras sumouse tamén a  instalación de peches perimetrais de madeira e os traballos de roza e poda, realizando melloras silvícolas para propiciar o máis óptimo rendemento da terra. Tamén se habilitaron zonas de cultivo específicas para escolares e para persoas con mobilidade reducida, instaláronse paneis informativos e incorporouse mobiliario urbano, como mesas e bancos.