Deputación de Lugo

O Presidente felicita á Asociación de Veciños da Milagrosa por 30 anos “facendo comunidade e convivencia”

Deputación de Lugo
AA.VV. Milagrosa
José Tomé Roca participou na celebración do 30 aniversario do colectivo, onde agradeceu o recoñecemento que recibiu coa Pegada Veciñal

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este venres nos actos conmemorativos do 30 aniversario da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, onde recibiu un recoñecemento na Pegada Veciñal organizada polo colectivo. José Tomé felicitou á asociación polo labor que está facer por un barrio senlleiro da cidade de Lugo. “Como ben di o voso lema, levades 30 anos facendo algo tan grande e tan importante para a sociedade como é facer barrio e facer comunidade e convivencia”, asegurou o Presidente. 

Así mesmo, Tomé Roca recordou que “a Deputación de Lugo colabora e seguirá colaborando, na medida das nosas posibilidade, con todo este traballo que facedes pola Milagrosa”. Este mes ambas entidades asinaron un novo convenio de colaboración para traballar en diferentes iniciativas encamiñadas a impulsar o barrio ante a crise derivada da pandemia.

“A verdadeira pegada nos barrios déixaa a vida e a actividade das súas xentes. O noso traballo como representantes institucionais consiste en facer todo o que estea nas nosas mans para que os veciños de veciñas poidan desenvolver da mellor maneira posible o seu proxecto de vida e de traballo. Un obxectivo no que, por suposto, contaredes sempre co meu compromiso, coma se fose  un veciño máis”, sinalou o Presidente.

O mandatario provincial tamén agradeceu “este orixinal recoñecemento que me facedes coa Pegada Veciñal” e sinalou que “a nivel persoal, non se me ocorre mellor recoñecemento que o de que te consideren como un veciño máis persoas coas que non convives a diario”.