Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación organiza unha charla da neurocientífica Sonia Villapol este sábado no Pazo de San Marcos

Sanidade
Covid-19
Sonia Villapol
A investigadora de Bretoña, que tamén é profesora no Instituto de Investigación do Hospital Methodist de Houston e na Universidade de Weill Cornell de Nova York, impartirá a conferencia As Pegadas da Covid

O acto estará aberto ao público, pero terá aforo limitado. Para poder participar deberase reservar asento no email protocolo@deputacionlugo.org indicando nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto

A Deputación de Lugo organiza esta sábado unha conferencia de divulgación científica que impartirá a neurocientífica Sonia Villapol, natural de Bretoña, no concello da Pastoriza. Será no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ás 18.00h, e retransmitirase por streaming dende a canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación. 

A tamén profesora no Instituto de Investigación do Hospital Methodist de Houston e profesora da Universidade de Weill Cornell de Nova York, impartirá unha charla que leva por nome As Pegadas da Covid. Esta neurocientífica leva dende hai máis dun ano formando parte do Equipo de Investigación Internacional de Covid-19 que se encarga de analizar como afecta o coronavirus á saúde das persoas.  

Nesta conferencia, a doutora abordará diferentes aspectos vencellados á enfermidade nos que leva estudando nos últimos meses no Equipo de Investigación. Entre eles, afondará na Covid persistente, na sintomatoloxía da enfermidade en fase aguda, das secuelas, da vacinación, e da transmisión e das particularidades da variante Delta, entre outras cuestións. Villapol tamén porá o foco nas cuestións que haberá que atallar de cara o presente e o futuro, como a necesidade de crear unidades poscovid, onde se realicen revisións ás persoas que pasaron a enfermidade.  

Abriranse quendas de preguntas para que as persoas do público poidan resolver as súas dúbidas con respecto á enfermidade. A entrada será de balde, pero haberá prazas limitadas por cuestións de aforo como medida de prevención da Covid. Poderanse reservar asentos no email protocolo@deputacionlugo.org indicando nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto. Para calquera dúbida ou aclaración habilítase o teléfono 982.260.134.