Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación apoia a celebración das XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

Seragro
Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
O Deputado de Recursos Sostibles participou na presentación do encontro, que puxo en valor porque axuda “na mellora da calidade de vida dos gandeiros e gandeiras, no benestar animal, na rendibilidade das explotacións e nunha mellor calidade e valor do produto, e polo tanto, no dinamismo social e económico da provincia”

A institución provincial colabora con 12.000€ coa organización do foro, que nesta edición será de maneira telemática e celebrarase os días 18 de setembro, 18 e 19 de outubro, e 18 e 19 novembro

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, xunto ao o presidente de Seragro, Víctor Manrique Arroyo, e o director das XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, José Antonio Montoiro, participou na presentación desta cita, coa que a institución colabora economicamente cunha achega de 12.000€. O encontro celebrarase de maneira telemática os días 18 de setembro, 18 e 19 de outubro, e 18 e 19 de novembro.

Fernández Rico salientou a importancia de volver a anunciar unha nova edición destas xornadas logo de que o ano pasado se tiveran que adiar por mor da pandemia da Covid-19. “É unha moi boa nova anunciar outra edición desta cita, que será en formato telemático e que se transmitirá por streaming para continuar coa esencia que caracteriza as xornadas que sempre reúnen a prestixiosos expertos do sector agrogandeiro”. O Deputado puxo o foco na relevancia deste foro, “que pon en contacto o traballo dos gandeiros e gandeiras cos novos avances da investigación aplicada, un exemplo dese camiño a seguir para facer máis sostibles e competitivas as explotacións gandeiras”.

“O sector primario é fundamental para o presente e para o futuro da provincia de Lugo, pois a actividade agrogandeira e forestal xera riqueza e emprego, ademais de favorecer a tan necesaria ordenación do territorio”, explicou. Polo tanto, asegurou Roberto Fernández Rico, “apoiar o sector primario para que sexa sostible e competitivo é algo imprescindible se queremos fixar poboación no rural e afrontar con seriedade os problemas demográficos que temos na nosa provincia e en toda Galicia”. 

Citas como estas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, subliñou, “repercuten na mellora da calidade de vida dos propios profesionais, no benestar animal, na rendibilidade das explotacións e nunha mellor calidade e valor do produto, e polo tanto, no dinamismo social e económico da provincia. Dende logo, esta é tamén a liña de traballo da Deputación de Lugo. Temos un compromiso moi claro e visible co sector primario desta provincia”, indicou, como demostra co proxecto da Granxa Gayoso Castro, onde se atopa a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público experimental de Galicia que xunta formación e investigación sobre o sector lácteo. “Este é un exemplo, pero temos outra iniciativas en colaboración coa Universidade e co propio tecido produtivo. O apoio económico, de 12.000€, que damos para a organización destas xornadas é, de feito, froito dese estreito contacto e da ampla colaboración que temos coas agrupacións vinculadas ó sector”.

Na presentación avanzouse que este ano o programa será moi atractivo para os gandeiros, produtores e estudantes. Haberá un conxunto de relatorios que se centrarán en temas de actualidade e de interese para o sector. Entre eles, adiantaron que se abordará a importancia das instalacións no benestar animal, no uso responsable dos antibióticos, na nutrición e na economía, na vaca produtora dende o nacemento e, entre outros aspectos, na produción de leite no impacto ambiental.