Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación impulsa outra edición da Feira do Turismo e do Peregrino de Samos con 16.000€

Samos
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este domingo na xornada que reuniu no campo da festa da vila unha exposición de artesáns, actuacións musicais e degustacións do tradicional polbo á feira

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este domingo na III edición da Feira do Turismo e do Peregrino de Samos, que reuniu no campo da festa unha exposición de artesáns, actuacións musicais e degustacións do tradicional polbo á feira. O responsable provincial visitou os expositores acompañado polo Alcalde do municipio, Julio Gallego.

Esta cita, que conta cunha achega da Deputación de Lugo de 16.000€ -financiados a través do Plan Único- está marcada nesta terceira entrega polas medidas sanitarias para garantir a seguridade dos asistentes.

Rivera Capón destacou a importancia da celebración desta feira que “contribúe a dinamizar a vida social e a vida económica do concello de Samos” e engadiu que este tipo de iniciativas son “agora máis necesarias que nunca para a recuperación do sector turístico, hostaleiro e do comercio local fronte ao impacto das restricións provocadas pola pandemia” e engadiu que “onde hai actividades de lecer, hai consumo, sobre todo no sector servizos”.

A mostra de artesanía abriu ao público pola tarde, coincidindo coa proxección dun vídeo de promoción turística do municipio de Samos e do Camiño nunha pantalla xigante. Contra a tardiña tiveron lugar as actuacións musicais de La Ocaband e Pili Pampín.