Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación achega 12.000€ para a celebración do Festival Bal y Gay, que arranca hoxe en Foz

Deputación de Lugo
turismo
Festival Bal y Gay
A Deputación achega 12.000€ para a celebración do Festival Bal y Gay, que arranca hoxe en Foz
O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, asistiu ao concerto do Cuarteto Seikilos, o primeiro dun evento que dá valor turístico e cultural á Mariña

A oitava edición desta cita, Música á beira do mar, percorrerá os concellos de Foz, Ribadeo, Burela, Cervo e Mondoñedo ata o 26 de agosto con música para toda a familia e obradoiros nos centros de maiores

A Deputación de Lugo colabora cunha nova edición do festival Bal y Gay, que comezou este mércores no Pazo do Conde de Fontao, no concello de Foz. Esta cita musical conta cun investimento de 12.000€ da institución provincial, que axuda na súa posta en marcha en distintos espazos da Mariña. A oitava edición, que leva por título Música á beira do mar, pasará dende hoxe ata o 26 de agosto polos concellos de Foz, Ribadeo, Burela, Cervo e Mondoñedo.

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, asistiu ao primeiro concerto da man do Cuarteto Seikilos. Esta cita responde ao modelo de turismo de calidade e sostible, vinculado ó patrimonio, á cultura e á gastronomía, que favorece experiencias persoais únicas. Un evento musical que xa é un referente que sitúa á Mariña e á provincia de Lugo nun lugar destacado do panorama nacional e internacional da música e da cultura.

O programa compleméntase con tres concertos familiares o 20, 21 e 22 de agosto en San Cibrao, Ribadeo e Mondoñedo e obradoiros de Recuerdos Musicais os días 17, 19 e 21 de agosto nos Centros de Atención a Maiores en Trabada e Ribadeo. Tamén se levará a cabo o ciclo de conferencias en formato virtual Hojas de álbum con invitados de renome da cultura. 

Programa musical

Os horarios e programa completo pódese consultar en www.festivalbalygay.com

Mércores 18 de agosto
20:30h. Cuarteto Seikilos, no Pazo do Conde de Fontao (Foz)

Xoves 19 de agosto
21:00h. Cantoria, na Igrexa Santiago de Foz

Venres 20 de agosto
20:30h. Concerto a piano con Javier Perianes, no Auditorio Hernán Naval (Ribadeo)

Sábado 21 de agosto
20:30h. Concerto de cámara con Jaume Santonja e María Toledo, no Auditorio da Casa da Cultura (Burela)

Domingo 22 de agosto
13:00h. Hércules Brass, en Barreiros
21:00h. Puro Gershwin, na Finca Goleta (Foz)

Luns 23 de agosto
20:30h. Hércules Brass, en Vilanova de Lourenzá

Martes 24 de agosto
20:30h. Pablo Sáinz-Villegas , na Fábrica de Sargadelos (Cervo)

Mércores 25 de agosto
20:30h. Cuarteto Casals, na Basílica de San Martiño (Foz)

Xoves 26 de agosto
21:00h. Orquesta Sinfónica de Galicia, na Catedral de Mondoñedo