Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa a reactivación do turismo colaborando co festival Trece Roeis de Pantón

Deputación de Lugo
turismo
Trece Roeis Fest
Imaxe deputación de lugo
A institución provincial achega 4.000€ para o concerto de Gin Toni’s, incluído nesta cita musical que se celebra esta fin de semana no sur da provincia e do que poderán gozar 350 persoas

Este apoio enmárcase na aposta da Deputación por colaborar con iniciativas que dinamicen a vida social e económica do rural e tamén que impulsen un turismo de calidade e sostible

A Deputación de Lugo colabora co financiamento do festival Trece Roeis, en Pantón, cunha achega de 4.000 euros para a celebración desta cita, que contribúe a dinamizar social, turística e economicamente a Ribeira Sacra. A colaboración lévase a cabo a través da actuación de Gin Toni’s, que terá lugar este sábado, 21 de agosto, e na que poderán participar 350 persoas.

O apoio económico ao Trece Roeis Fest enmárcase na política da institución provincial de colaborar con iniciativas que dinamicen a vida social e económica do rural e tamén que impulsen un turismo de calidade, sostible, non masificado, de proximidade e que pon en valor o patrimonio e crea emprego, especialmente no rural. 

O festival naceu en 2019 como proposta cultural no concello de Pantón tras a cancelación do veterano Festival do Castro, converténdose nun novo acontecemento de referencia na Ribeira Sacra. Nesta edición, ademais do grupo Gin Toni’s, os asistentes poderán escoitar a Sés, Xabier Vizcaíno e  Fuego Street Band.