Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación destina 120.000€ á reparación da fachada do Pazo de San Marcos para a conservación do histórico edificio

Deputación de Lugo
Fachada
As obras inclúen a limpeza da fachada, saneamento de fisuras e gretas, eliminación de humidades e filtracións de auga e pintado; a colocación no frontal do Pazo de letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo, e a reparación da pintura do Salón de Plenos danada pola antiga presenza de humidades

Adxudicado o último lote, correspondente ao cortinaxe, do contrato de equipamento para o Centro de Atención a Maiores de Meira, o que permite avanzar no obxectivo de abrir a residencia neste verán

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno a licitación dun proxecto por importe de 120.000€ para a reparación e o acondicionamento da fachada do Pazo de San Marcos, sede da institución provincial. O histórico edificio presenta deterioro nalgunhas zonas debido ao paso do tempo, que se solucionarán con estes traballos. 

Tomé Roca sinalou que se trata dunhas obras “moi importantes para o mantemento do Pazo”, como son a limpeza da fachada e da súa mampostería, o saneamento de fisuras e gretas, a eliminación de humidades e de filtracións de auga e o pintado das paredes.

O proxecto tamén inclúe a colocación na fachada unhas letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo, que xa existían antes da remodelación da Praza de San Marcos, e que identificarán á institución que alberga o Pazo, algo “necesario, xa que a xente que nos visita moitas veces non sabe que é realmente este edificio”, apuntou o Presidente.

Estes traballos completaranse coa reparación da pintura do Salón de Plenos, que presenta zonas afectadas pola antiga presenza de humidades.

Con este proxecto, que ten un prazo de execución de tres meses dende o inicio das obras, continúase a mellora do edificio, que xa comezou o ano pasado coa renovación da cuberta, que contou cun investimento de case 350.000€.

O Presidente quixo destacar que “con todas estas actuacións, ademais de garantir a conservación do Pazo de San Marcos, tamén contribuiremos a darlle unha maior prestancia a este edificio histórico”.

O Pazo de San Marcos foi deseñado no seu proxecto inicial polo arquitecto Ángel Cosín y Martín en 1866, mentres que a fachada actual foi deseñada a finais do século XIX polo arquitecto Nemesio Cobreros. Naceu como hospital e posteriormente serviu de biblioteca, instituto e, agora, sede da Deputación Provincial.

Centro de Maiores de Meira

A Xunta de Goberno deu luz verde á adxudicación do último lote pendente, o de cortinaxe, do contrato para o subministro de equipamento do Centro de Atención a Maiores de Meira. Foi adxudicado por 11.276€ á empresa Rafitextil DTT 3.8, S.L. “Coa adxudicación deste lote, xa está contratado todo o equipamento da residencia de Meira, que ten un custe total de 220.000€”, sinalou o Presidente, quen lembrou que a previsión é abrir este centro neste verán.

Coa posta en marcha da residencia de Meira, a Deputación de Lugo sumará a Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, un novo servizo público que contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso, e 20 de centro de día. Ao igual que nos restantes centros de xestión provincial, no acceso ás prazas terán preferencia os veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo, persoas dos concellos limítrofes ou da comarca; e logo os veciños do resto da provincia.

Cooperación cos Concellos

O órgano provincial aprobou ampliar o prazo que teñen os concellos de Xermade e Lourenzá para executar os investimentos recollidos en dous convenios de colaboración coa Deputación de Lugo. No caso de Xermade, trátase da compra dun camión contra incendios, para o que a Deputación aporta 60.000€; e no caso de Lourenzá, o convenio é para a construción dun depósito de incendios e a mellora da Casa da Xuventude, para o que a Deputación aporta 50.000.

Así mesmo, aprobouse a solicitude do Concello de Láncara para aplicar remanentes do Plan Único do 2021 por un importe de 36.000€ para novas actuacións en dúas vías municipais.