O Presidente supervisa as obras de mellora da estrada que une O Corgo e Castroverde, onde a Deputación inviste 378.000€
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2021-08/240821%20Obras%20Castroverde%20%281%29.jpg)
Os traballos céntranse estes días na construción dunha nova ponte sobre o río Postigo cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude
As actuacións beneficiarán de xeito directo a moitos veciños e veciñas da comarca porque se trata dunha estrada moi transitada que vertebra os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto co Alcalde de Castroverde e Deputado de Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias, supervisou este martes os traballos de ensanche e mellora que se están desenvolvendo na estrada provincial LU-P-1201, no tramo que une os núcleos de Coto, no Corgo, e San Agustín, en Castroverde. Tomé Roca subliña que a institución provincial inviste 378.000€ nestas obras coas que se dobrará o ancho da estrada, pasando dos 4,5 metros aos 7.
As obras afectan a 1,5 quilómetros, entre os núcleos de Coto -no Corgo- e de Agustín -en Castroverde-, e consisten no movemento de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, e a sinalización horizontal e vertical, así como o balizamento e a limpeza de cunetas.
Así mesmo, o proxecto que acomete a Deputación de Lugo inclúe a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo cun marco prefabricado de 16,5 metros de lonxitude, que se atopa no quilómetro 10,3, cunha obra de fábrica de mampostería. Este é o punto no que se centran os traballos estes días e que este martes supervisou o Presidente xunto co Alcalde, ademais de técnicos da Deputación e da empresa adxudicataria das obras.
O mandatario provincial sinala que “con estas actuacións resolvemos un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer estas actuacións”. E neste sentido comentou que moitos veciños e veciñas se beneficiarán de maneira directa desta actuación porque se trata dunha estrada moi transitada que articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde, dando servizo a 7 parroquias deste último municipio.
A previsión é que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, as obras estean rematadas cara o mes de novembro.
José Tomé lembrou que nesta mesma estrada provincial, a LU-P-1201, a Deputación rematou recentemente a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.
Estas actuacións na rede viaria provincial súmanse ás obras que está acometendo a Deputación para mellorar a mobilidade na provincia, e con elo, avanzar cara o equilibrio territorial, unha das prioridades do Goberno.