Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica por 82.000€ a mellora dun novo tramo na estrada de Remesar, en Bóveda

Deputación de Lugo
Rede provincial de estradas
vISITA ESTRADA BÓVEDA
Levarase a cabo a rehabilitación do firme en case tres quilómetros da vía provincial LU-P-0907, na que a institución provincial xa investiu 93.000€ para a renovación doutros tres quilómetros

Con estas obras quedarán renovados os 6 primeiros quilómetros desta vía da zona sur cun investimento total de 200.000€, dando unha mellor comunicación para a veciñanza que a utiliza a diario

A Deputación de Lugo vén de aprobar a adxudicación da obra que renovará a vía provincial LU-P-0907 do punto quilométrico 3,370 ao 6,077 por un importe de 82.280€. Esta vía, coñecida como estrada de Remesar, une os municipios de Bóveda e Paradela. 

Con estes traballos, a Deputación mellorará preto de 3 quilómetros desta vía -entre os puntos quilométricos 3,37 e 6,07- e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentar con aglomerado en quente e na realización da correspondente sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución estimado é de 9 meses.

As obras dan continuidade ás que a Deputación xa acometeu nesta mesma estrada, nun treito doutros 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 3,2, e nos que investiron 93.000€. En total, con estas dúas actuacións, quedarán renovados cun investimento que alcanza os 200.000€ os primeiros 6 quilómetros desta estrada pola que cada día pasan numerosos veciños e veciñas da contorna. 

A mellora da mobilidade é unhas das prioridades marcadas polo Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, no Orzamento provincial para este ano 2021, no que decidiu aumentar as partidas para as estradas nun 14%, ata acadar os 16M€.