A Deputación pon o broche de ouro do Saborea a túa provincia esta fin de semana en Láncara e Lugo
![Presentación Saborea a túa provincia Presentación Saborea a túa provincia](/sites/deputacionlugo.org/files/2021-08/Foto%20de%20Arquivo%20-%20Presentaci%C3%B3n%20Saborea%20a%20t%C3%BAa%20provincia.jpg)
Haberá degustacións, obradoiros infantís, conferencias, cociña en directo, música e sorteo de produtos de proximidade. En Láncara, cociñarase galo de Mos en tres coccións con San Simón e, en Lugo, tenreira arábiga con parmentier de moca e nata solla
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo salienta a boa acollida que o programa tivo entre a veciñanza e os visitantes, que se achegaron ao recinto que a institución provincial instalou nos centros das vilas
García Porto: “esta é unha iniciativa da Deputación de Lugo coa que queremos promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade da nosa terra, como fórmula para dinamizar a economía dos concellos e axudar na recuperación da hostalería, do turismo, do comercio e dos pequenos produtores”
Esta fin de semana o programa Saborea a túa provincia da Deputación de Lugo porá o seu broche de ouro nos concellos de Láncara, o sábado, e de Lugo, o domingo. Dúas xornadas que clausuran unha iniciativa gratuíta que percorreu ao longo do mes de agosto a provincia, con paradas nos municipios de Viveiro, Burela, Lourenzá, O Valadouro, Guitiriz, e Vilalba.
A Láncara e Lugo chegará o autobús-cociña que abandeira esta iniciativa coa que a Deputación de Lugo quere axudar a dinamizar a economía da provincia. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, apunta que arredor del “organizaranse charlas, degustacións de produtos, demostracións culinarias da man de cociñeiros e cociñeiras da provincia, obradoiros para os máis pequenos, maxia e sorteos”.
No caso de Láncara, o cociñeiro Santi Almuíña do Mesón Colón (Nadela) cociñará galo de Mos en tres coccións con San Simón. Unha receita que explicará polo miúdo e da que dará a proba aos asistentes.
Pola súa banda, no caso de Lugo, o domingo farase tenreira “arábiga” con parmentier de moca e nata solla. Aos fogóns estará o cociñeiro Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró (Monforte de Lemos).
Un apoio á economía local
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembra que esta acción “forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia que temos en marcha na Deputación de Lugo e co que levamos implantando medidas ao longo da provincia para dinamizar a nosa economía e os sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son a hostalería, o turismo, o comercio local e os pequenos produtores”.
García Porto incidiu en que “é un programa deseñado dende o prisma de que estamos atravesando unha pandemia, por iso son actividades seguras onde temos persoal supervisando o cumprimento das medidas, os participantes gardan a distancia, á vez que lle botamos unha man aos nosos produtores e comerciantes”.
Balance positivo do Saborea
Pilar García Porto explica que o programa Saborea a túa provincia tivo moi boa acollida en todas as localidades nas que estivo este mes de agosto. “Estamos satisfeitos porque a xente participou nas diferentes actividades que se programan, tanto nas pensadas para os pequenos da casa como nas degustacións e actuacións musicais. O balance é moi positivo”, apunta a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.
O recinto do Saborea instálase en puntos céntricos das vilas, “un feito que percibimos que anima tanto a veciños como visitantes a dar un paseo e desfrutar desta iniciativa, ata algúns repetiron en varias localidades”.
Explicou que dende un primeiro momento “se tiveron en conta as restricións e pautas indicadas polas autoridades sanitarias para cada municipio, reforzando incluso as medidas para controlar os aforos, acoutar o recinto e entregar envases individuais, primando sempre a seguridade dos participantes”.
Saborea a túa provincia nace con vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explica Pilar García Porto.
Programas desta fin de semana
Láncara – Sábado, 28 de agosto – Praza dos Labregos (Pobra de San Xiao)
12:00 Apertura
12:00 - 14:00 Obradoiro de cociña para nenos e nenas
12:15 Demostración culinaria e degustación
13:00 Charla informativa sobre a Galiña de Mos, a cargo de Francisco Monasterio, presidente da asociación de criadores da Galiña de Mos (AVIMÓS), e Diego Rois, director técnico de AVIMÓS
13:30 Animación musical: Val de Láncara
18:00 Espectáculo do Mago Rafa
19:00 Sorteo de lotes de produtos de proximidade
19:30 Actuación musical: Jotinho’s
20:00 Degustación de produtos
Lugo - Domingo, 29 de agosto – Praza de San Marcos
12:00 Apertura
12:00 – 14:00 Obradoiro de cociña para nenos e nenas
12:15 Demostración culinaria e degustación
13:00 Charla informativa sobre a IXP Castaña de Galicia, a cargo de Manuel López Pérez, secretario do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia
13:30 Animación musical: Xograres de Lemos
18:00 Espectáculo do Mago Rafa
19:00 Sorteo lotes de produtos de proximidade
19:30 Actuación musical: Jotinho’s
20:00 Degustación de produtos