Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación inviste en melloras no campo da festa de Vilalvite, en Friol, que contará con zonas de xogo e deportivas

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
medio rural
Mónica Freire
CAMPO DA FESTA DE VILALVITE
Friol
Mónica Freire anunciou un acordo co concello para financiar as obras, que ampliarán o uso social deste espazo de gran valor simbólico para a veciñanza

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo financiará o acondicionamento do campo da festa de Vilalvite, en Friol, un terreo comunal cedido ao concello para a celebración das festas patronais que, con esta actuación, se adecuará como espazo lúdico e de encontro para a veciñanza da parroquia.

A deputada Mónica Freire anunciou un acordo co Concello de Friol para realizar as melloras, que potenciarán o uso social deste espazo situado no lugar de Bedús. A responsábel nacionalista explicou que “ademais de procurar a rendibilidade da actividade produtiva e o mantemento do territorio, como vimos facendo desde a nosa área con diferentes programas e acordos, entendemos que as políticas de desenvolvemento rural pasan tamén por garantir espazos e oportunidades de encontro, de lecer e culturais. Lugares como o campo da festa de Vilalvite, que ten un gran valor simbólico para a veciñanza, cumpren esta función de vertebración e cohesión social, que debemos coidar e facilitar desde as administracións”.

O proxecto contempla o desbroce e a renovación do pavimento, deteriorado e afectado polo crecemento da maleza, e a instalación de mobiliario urbano e de elementos  de xogo,  que potenciarán e ampliarán o uso social dese espazo.

Así, crearase unha zona de lecer infantil, cunha randeeira e unha caseta e asentos, nunha superficie de material adecuado para a seguridade de nenos e nenas. Tamén se adecuará un espazo para a práctica deportiva, con dúas porterías de fútbol sala modulares con canastra de baloncesto integrada.

Ademais, instalaranse dúas mesas tipo picnic de pedra e unha barbacoa, que facilitarán o uso recreativo deste espazo. O acondicionamento completarase coa plantación de árbores que proporcionen unha zona de sombra.

As actuacións contan cun investimento de 25.806 euros, dos cales a área de Medio Rural achega 24.300. Segundo se recolle no convenio asinado entre a entidade provincial e o Concello de Friol, as obras teñen un prazo de execución de 21 días.