Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro visitou o Museo do Pobo Galego para abordar fórmulas de colaboración cos novos proxectos da entidade

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
Museo do Pobo Galego
ISAAC DÍAZ PARDO
O centro compostelán acolleu unha nova presentación do catálogo “A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo”, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou este martes o Museo do Pobo Galego para interesarse pola ampliación do centro e manter unha reunión co presidente do Padroado, Xusto Beramendi, e co director do Museo, Manuel Vilar.

Durante o encontro, expuxéronse os proxectos nos que traballa a dirección do Museo para continuar coa musealización do novo espazo expositivo co que conta tras as obras de ampliación que se realizaron no edificio.

Tras a apertura de novas salas sobre a Historia de Galiza na Época Antiga e Sueva, o Museo planifica avanzar na creación de contidos que amosen outras etapas históricas ata chegar, nun prazo de dous anos, á contemporaneidade.

Con ese horizonte, na reunión, abordáronse fórmulas para contribuír a esa ampliación e actualización do proxecto museístico. Maite Ferreiro mostrou a disposición “a colaborar cunha entidade que recolle a esencia da identidade galega. Entendemos que o estudo e promoción da cultura e da historia de Galiza debe implicar a todas as institucións cada unha dentro das súas posibilidades orzamentarias”,

Ademais, renovouse o convenio anual polo que a área de Cultura, que achega 15.000 euros aseu  funcionamento e actividade do Museo, centrada en investigar, conservar, divulgar e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Tamén se intercambiaron propostas para afondar na relación que o Museo do Pobo Galego mantén coa Rede Museística e con outras entidades culturais da provincia.

Presentación do catálogo “A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo”

Ás 17.30 horas, Maite Ferreiro participou na presentación do libro-catálogo “A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo”, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O volume, coordinado por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moredo,  leva ao papel a exposición de título homónimo que o Museo de Lugo organizou en 2013, no ano seguinte á morte do artista e intelectual.

A obra recolle reproducións das máis de 350 pezas que integraron a mostra, ademais de debuxos e bosquexos de Isaac Díaz Pardo, dando conta da evolución creativa da  súa cerámica  dende finais dos anos corenta do século pasado ata os seus últimos deseños, xa no século XXI.

No acto, no que participaron Fernando Arribas e Teresa Pena, así como Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo, e Xusto Beramendi, Maite Ferreiro destacou que “a presentación do catálogo no Museo do Pobo Galego pecha un círculo xa que as súas salas acolleron tamén aquela exposición organizada polo Museo de Lugo”.