Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia organizou unha ruta ciclista para promocionar o paso por Sarria da volta profesional Gran Camiño

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
Sarria
O GRAN CAMIÑO
VOLTA A GALICIA
 Un grupo de ciclista de clubs de Sarria e Lugo fixeron o percorrido da cuarta etapa da rolda galega, que se disputará o 27 de febreiro

Efrén Castro sinalou que "a rolda galega suporá unha oportunidade única para proxectar Sarria como punto de referencia do Camiño de Santiago"

Sarria iniciou a conta atrás para O Gran Camiño cunha ruta ciclista polo trazado da cuarta etapa da volta
profesional a Galiza, que se disputará o vindeiro 27 de febreiro.

Un grupo de ciclistas de DHG Team, Club Ciclista Cidade de Lugo e Triatlón Cidade de Lugo Fluvial participaron na iniciativa, promovida pola Vicepresidenta da Deputación de Lugo, que patrocina o paso da proba por Sarria.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o ex-ciclista profesional Ezequiel Mosquera, impulsor de O Gran Camiño,  sumáronse ao grupo, que percorreu o trazado previsto para a contrarreloxo que decidirá a proba.

Trátase de 15,8 quilómetros con saída do casco urbano de Sarria, con tramos nas estradas LU-P-5707 e LU-P-5602,, coincidindo co trazado do Camiño de Santiago, e volta á vila para alcanzar a meta,  situada na Rúa do Castelo, na cima do casco histórico, fronte as icónicas letras de Sarria.

O deputado de Deportes Efrén Castro explicou que "O Gran Camiño suporá unha oportunidade única para proxectar Sarria para como punto de referencia do Camiño de Santiago, incluso a nivel internacional, porque a proba traerá aquí algúns dos mellores equipos profesionais do mundo"

O responsábel provincial agradeceu "a participación dos clubs na ruta, coa que buscamos tamén que o mundo do ciclismo afeccionado e de base se sinta partícipe deste gran evento deportivo e se achegue o día 27 a Sarria".

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo patrocina o paso por Sarria do Gran Camiño, que se celebrará do 24 ao 27 de febreiro e que pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo galego no calendario
internacional. A localidade sarriá acollerá, o día 27,  a cuarta etapa desta volta a Galiza, unha contrarreloxo que se prevé decisiva para o desenlace da rolda.

Antes, o pelotón internacional realizará outras tres etapas, polas provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense.   A organización confirmou a participación na proba de equipos como o Movistar,  Cofidis,
Euskaltel-Euskadi,  Start Up Nation, Education First ou Tavira.