Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Efrén Castro mantivo un encontro coa hostelería de Sarria para abordar o impacto económico do paso do Gran Camiño pola vila

EFRÉN CASTRO
A cuarta etapa da rolda galega traerá a Sarria máis 700 persoas ligadas á organización e ao desenvolvemento da proba, e agárdase a presenza de 5.000 afeccionados e afeccionadas

As imaxes de Sarria chegarán a 180 países coa retranmisión en directo da proba en Eurosport e canles asociadas

Efrén Castro sinalou que “hai que evitar instalarse no conformismo e apostar pola promoción de Sarria como punto de referencia do Camiño de Santiago”.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, mantivo este luns un encontro con representantes da hostelería de Sarria  para dar conta da repercusión económica estimada da volta ciclista profesional O Gran Camiño, que chegará o vindeiro 27 de febreiro á vila.

O responsábel provincial compartiu coas persoas asistentes os datos relativos ao impacto económico estimado da cuarta etapa da proba, tendo en conta tanto a actividade ligada á presenza na vila de equipos, organizadores e afeccionados e afeccionadas, como a difusión mediática do evento.

O Gran Camiño mobilizará máis de 700 persoas entre deportistas, técnicos, árbitros, persoal federativo e persoal da organización, o que se traducirá en pernoctacións e demanda de servizos de restauración, ademais doutros gastos relacionados coa loxística coma os carburantes.

Ademais das persoas directamente vinculadas ao desenvolvemento da competición, dacordo cos datos doutras probas ciclistas deste nivel competitivo, a etapa podería traer ata Sarria arredor de 5.000 afeccionados e afeccionadas.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, valorou “a actividade que xenerará a presenza na vila de centenares de persoas, que demandarán hostelería e restauración, fóra da tempada alta” e incidiu “na contribución deste evento e do deporte vinculado á natureza como un elemento de desestacionalizacion do turismo, unha materia pendente para o sector”.

O responsábel provincial sinalou o caso de Dumbría como exemplo do impacto que os eventos deportivos destas características teñen na visibilización e na promoción turística das localidades que o acollen, explicando, coa consolidación e a internacionalización do Gran Fondo do Ézaro, pasou de rexistrar 2.000 a 60.000 consultas na súa oficina turística.

Nesa liña, na estimación da repercusión económica de O Gran Camiño, valórase tamén a proxección proxección da proba. A retransmisión a través de Eurosport e de plataformas e canles asociadas noutros continentes (Eurosport Asia, Jsports en Xapón, Sky en Nova Zelanda, Fox Sports en países de África ou Claro Sport en países de América do Sur) permitirá que as imaxes de Sarria e dos recursos patrimoniais, culturais e naturais cheguen a audiencia de 180 países, un impacto valorado en 1.4 millóns de euros.

A este respecto, Efrén Castro sinalou que “o Camiño de Santiago é, en si mesmo, un reclamo de tal magnitude que podemos caer no conformismo de esperar a que as persoas cheguen. Nos cremos que as administracións temos que ter un papel máis activo, seguir apostando na promoción de Sarria como punto de referencia do Camiño e buscando novos mercados para todo o que temos que ofrecer. As imaxes de Sarria chegarán a 180 países coa retransmisión desta proba, unha difusión moi difícil de alcanzar co nningún outro evento ou campaña de promoción turística”. A proba tamén será retransmitida tamén por TVG, Canal Sur, ETB e TV3.


Etapa en Sarria: 15,8 quilómetros

Sarria acollerá a cuarta e última etapa do Gran Camiño, unha contrarreloxo de 15,9 quilómetros que trascorrerá integramente polo concello, cuns primeiros quilómetros por estradas secundarias, coindicindo durante algúns tramos co Camiño de Santiago, e final no casco antigo da vila, na Rúa do Castelo.