Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Efrén Castro asistiu ao encontro de escolas de rugby organizado polo Muralla, no que tamén participaron Capóns Vilalba e Asterix Viveiro

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
RUGBY
CONCENTRACIÓN DE ESCOLAS DE RUGBY

O deputado saudou “o crecemento da afección polo rugby entre as nenas e nenos grazas ao traballo de promoción deste deporte que se fai desde os clubs”

Lugo, 12 de marzo de 2022.-  O deputado de Deportes Efrén Castro asistiu este sábado á Concentración de Escolas de Lugo, organizada polo Muralla RC en colaboración coa Federación Galega de Rugby no Estadio Gregorio Pérez Rivera, en Lugo.

A xornada reuniu preto de 200 xogadores e xogadoras das categorías M6, M8, m10 e M12 de oito clubs do norte de Galiza, entre eles o propio Muralla RC, Capóns Vilalba e Astérix Viveiro, mais tamén o CR Ferrol, o CR Fendetestas, das Pontes, o CRAT da Coruña, o CD Zalaeta, de Arteixo, ou Valentes, de Teo.

Desde ás 11.00 horas e ata as 13.30, celebrouse unha rolda de partidos nas que os equipos, mixtos, xogaron seguindo as normas do rugby gradual, unha modalidade específica para categorías non competitivas.

O Muralla RC viña celebrando estas xuntanzas de encontro e aprendizaxe anualmente, pero a pandemia impediu a súa celebración nos dous últimos anos, polo que a desta mañá era unha cita moi agardada polas xogadoras e xogadores que se están iniciando neste deporte.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, remarcou a boa noticia que supón a volta destas concentracións “nas que se pon de manifesto o potencial do deporte como espazo de encontro e convivencia e que revelan tamén o crecemento da afección polo rugby entre as nenas e nenos grazas ao traballo de promoción do deporte que se fai desde os clubs e que desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos con distintas liñas de axuda”.

Nese sentido, o responsábel provincial lembrou que “neste momento está aberta a convocatoria de axudas de concorrencia para clubs e entidades deportivas con achegas de ata 5.000 euros”. O prazo de solicitude remata o vindeiro venres, 18 de marzo. As bases e os modelos de solicitude están dispoñibles na web deputacionlugo.gal, no apartado “Subvencións”.