Cultura
Deputación de Lugo

Os primeiros obradoiros de ilustrarNós levaron o debuxo e a música aos colexios de Albeiros, Paradai e Quiroga Ballesteros

cultura
Maite Ferreiro
A ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Alvarez guiaron a nenas e nenos polo mundo dos instrumentos tradicionais, amosando o valor do debuxo como linguaxe

Na súa visita ao colexio Quiroga Ballesteros, Maite Ferreiro incidiu en que “a promoción da cultura e das manifestacións artísticas nas primeiras idades é fundamental para fomentar a creatividade e asentar hábitos culturais”

Baixo o título “Os nosos ilustres instrumentos”, a ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez impartiron esta mañá nos colexios de Albeiros, Paradai e Quiroga Ballesteros os primeiros obradoiros do programa ilustrarNós, que nas vindeiras semanas chegará a catorce centros educativos de todas as comarcas con distintas actividades relacionadas co mundo da ilustración, deseño e artes gráficas.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, acompañada polo tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e mais polo concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento. Achegouse ao colexio Quiroga Ballesteros no inicio dunha destas sesións formativas, na que participaron alumnas e alumnos de terceiro de Primaria.

A través do debuxo directo e da música, as nenas e nenos puideron coñecer de preto algúns instrumentos tradicionais - o seu nome, as diferencias entre eles, os materiais, o son que emiten ou a súa historia – e vincular os seus sons ás cores, establecendo un paralelismo entre os sons máis vivos e agudos e as cores cálidas e os sons máis graves, profundos e calmados. A sesión introduciu así ao alumnado no valor do debuxo como linguaxe.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “puidemos comprobar de primeira man como as nenas e nenos participan dunha actividade diferente,  que complementa o traballo habitual nas aulas” e incidiu en que “a experiencia refórzanos na idea de colaborar cos centros educativos con distintas programacións, como vimos facendo nestes anos. Entendemos que a promoción da cultura e das manifestacións artísticas nas primeiras idades é fundamental para fomentar a creatividade e asentar hábitos culturais”

Os obradoiros continuarán as vindeiras semanas, con este calendario:

Primaria: Os nosos ilustres instrumentos. Laura Romero e Juan A. Álvarez
21 de marzo
CPI Ramón Piñeiro, de Láncara
CEIP Virxe do Carme de Sober
25 de abril
CEIP San Cosme de Barreiros
Fondo Nois de Foz
26 de abril
CEIP O Salvador
CEIP Plurilingue da Pontenova
27 de abril
CPI de Cervantes

Secundaria: Crear BD: da banda deseñada á novela gráfica. Kiko da Silva.
25 de marzo
IES Río Cabe de Monforte
22 de abril
CPI Dr. López Suárez de Friol
IES Pedregal de Irimia de Meira.

Formación superior: A Guía Ninja do Ilustrador/a. Alberto Guitián.
6 de maio
Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo

II Certame de Ilustración “IlustrarNÓS”

O programa inclúe a convocatoria do II Certame de Ilustración “IlustrarNÓS”,  dirixido a fomentar a creatividade e as artes gráficas nos centros de ensino e aberto a alumnado de Primaria, Secundaria, BAC e Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. Establéncense catro categorías de creación, en función das etapas educativas, cos seus correspondentes premios. As bases e as follas de inscrición, que foron remitidas a todos os centros educativos, están tamén disponibles en cultura.deputacionlugo.gal