Medio Rural da Deputación financiará melloras no abastecemento de auga en Barreiros
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-12/foto-visita-barcela-1-1024x462.jpg)
Medio Rural da Deputación de Lugo colaborará na renovación de tubaxes de auga potable que atravesan parte do núcleo de Vilar cara A Barcela, en Barreiros.
A través dun convenio asinado co Concello de Barreiros, a área dirixida por Mónica Freire achegará máis de 42.000 para as actuacións, que consistirán na renovación total da tubaxe principal -actualmente de fibrocemento- e a preparación das acometidas a inmobles.
Trátase dunha zona na que se están construíndo novas vivendas unifamiliares, polo que contar cuns servizos de calidade é fundamental para que ese asentamento da poboación en pequenos núcleos sexa permanente, segundo se expuxo na visita que a responsábel provincial realizou ao lugar, acompañada pola alcaldesa Ana Ermida e concelleiras e concelleiros do goberno municipal.
Mónica Freire constatou a boa receptividade da veciñanza a este tipo de investimentos que “moitas veces non se valoran porque non se ven ao ir soterrados, pero son fundamentais para o funcionamento normal dos servizos e o asentamento de poboación nos núcleos rurais, que e ó obxectivo das accións que desenvolvemos desde a área de Medio Rural".
O Concello de Barreiros vén de iniciar o proceso para adxudicar as obras, cun investimento duns 45.000 euros.