O Presidente e o Ministro Escrivá visitan o Hospital de Castro, que o Goberno transformará no primeiro centro de refuxiados de Galicia
Escrivá Belmonte agradeceu á Deputación que faga posible que Galicia, en concreto este municipio lucense, forme parte da rede de centros en España cos que o Executivo central está a crear 5.700 prazas para ampliar e reforzar o modelo estatal de acollida humanitaria e protección internacional
Ambos mandatarios visitaron tamén en Monforte de Lemos os terreos da finca de Tor, onde Deputación e Goberno central traballan para establecer unha colaboración co fin de darlle unha nova vida á parcela, contribuír a loitar contra o despoboamento e dinamizar os sectores produtivos, nomeadamente, o primario
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, visitaron na tarde de onte as instalacións do antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, un ben de titularidade provincial que o Goberno do Estado transformará nun Centro de Acollida de Protección Internacional (CAPI). Será o primeiro en Galicia, contará cun recinto de 43.000 metros cadrados cedidos pola institución provincial por un período de 75 anos, e terá capacidade para acoller a 250 persoas.
José Tomé sinalou o alto valor social do proxecto co que se recuperarán estas instalacións provinciais para uso público, pois a nova dotación prestará asilo ás persoas que teñen que abandonar o seu país ante unha situación de emerxencia
O centro de Castro terá espazos comúns, comedor e aulas para obradoiros e actos, así como espazos deportivos deseñados polo Comité Olímpico Español (COE). O Ministerio comezará o vindeiro ano o proxecto de construción ao que destina un investimento de 12M€. A súa posta en funcionamento suporá a creación de entre 20 e 25 postos de traballo directos, e uns 45 indirectos.
Pola súa parte, o Ministro Escrivá agradeceu a colaboración da Deputación que fai posible que Galicia, en concreto Castro de Rei, forme parte do proxecto da rede de novos CAPI en España cos que o Executivo central está a crear 5.700 prazas para ampliar e reforzar o modelo estatal de acollida humanitaria e protección internacional, garantindo a capacidade de acollida segundo as necesidades actuais e futuras, e incrementando así a súa eficiencia.
Os proxectos de reforzo da capacidade estatal de acollida enmárcanse dentro do compoñente 22 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Ademais de Castro, o Ministerio poñerá en marcha en España outros centros de acollida en Soria, Mérida, Parayas (Cantabria), Azuqueca de Henares (Guadalajara), Valladolid e Vitoria-Gasteiz. Na actualidade, existen catro centros de refuxiados no país: en Vallecas e Alcobendas (Madrid), Sevilla e Mislata (Valencia).
Visita á finca de Tor
A visita institucional a Lugo do Ministro José Luis Escrivá comezou onte pola mañá en Monforte, onde coñeceu, acompañado polo Presidente da Deputación e tamén Alcalde da cidade do Cabe, a finca de Tor, na que Deputación e Goberno central traballan seguindo na mesma liña de recuperar patrimonio público para poñer en valor este complexo.
“Uns terreos de titularidade da Deputación que visitamos co Ministro e que o pasado martes tamén percorrín co Secretario Xeral para o Reto Demográfico, Francesc Boya, para estudar as posibilidades de establecer no futuro algún tipo de colaboración e darlle unha nova vida a esta parcela, cunha iniciativa que contribúa a loitar contra o espoboamento e que dinamice os sectores produtivos, nomeadamente, o primario”, sinalou Tomé Roca.
Recepción en San Marcos e sinatura no Libro de Ouro
Tralo paso pola cidade do Cabe, o Ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, trasladouse o xoves á capital lucense para visitar a sede da Deputación, onde foi recibido polo máximo mandatario provincial e asinou no Libro de Ouro da institución.
O Presidente desexou que esta visita sexa “a primeira de moitas á provincia e á Deputación”, onde lle manifestou ao Ministro que atopará sempre vontade de entendemento e de colaboración para sacar adiante proxectos en beneficio de toda a sociedade. Como agradecemento, José Tomé fíxolle entrega do libro Proxectos para o Hospital Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, e dunha réplica en miniatura de cristal da fachada do Pazo de San Marcos.