Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación adxudica por máis de 1M€ o material informático do programa Impulsa TIC

Xunta de Goberno
IMPULSA TIC
dixitalización
A Xunta de Goberno de hoxe vén de aprobar o subministro e instalación de ordenadores, táblets, escáneres ou software para mellorar os procesos administrativos e proporcionar un servizo máis áxil e eficiente para os veciños e veciñas

“Unha vez adxudicada a parte da programación, das aplicacións e do software necesario para avanzar na dixitalización e modernización das entidades locais, agora é a quenda de adxudicar os medios físicos e materiais deste proxecto”, detallou a Voceira Socialista do Goberno

A institución provincial puxo en marcha este proxecto, financiado con 4,5M€ da Unión Europea, e que se desenvolverá ata o 30 de setembro nos 52 concellos da provincia adheridos,“co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo público”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación, por un importe de máis de 1M€, do subministro e instalación de equipamento tecnolóxico para os 52 concellos adheridos ao programa Impulsa TIC. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que, “unha vez adxudicada a parte da programación, das aplicacións e do software necesario para avanzar na dixitalización e modernización das entidades locais, agora é a quenda de adxudicar os medios físicos e materiais deste proxecto”.

García Porto concretou que na reunión do Goberno de hoxe quedou adxudicado o lote 1, dedicado ao subministro e instalación dos novos equipos informáticos da oficina de asistencia en materia de rexistro á empresa Micromedia SL por un importe de 224.763€; o lote 2, destinado a táblets e o software para recoller a firma biométrica, á empresa Solitium SL por un importe de 91.132€; un terceiro lote a escáneres de mesa e o software para converter documentos en formato editable, do que tamén se encargará a empresa  Solitium SL por un importe de practicamente 100.000€; e finalmente, un cuarto lote, para a implementación de postos intelixentes para os concellos resilientes, que neste caso, queda adxudicado á empresa MicromediaSL por un importe de 603.952€.

A Deputada lembrou que a institución provincial puxo en marcha este programa, financiado con 4,5M con fondos da Unión Europea, “co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo público ós veciños e veciñas”. O proxecto desenvolverase ata o 30 de setembro nos 52 concellos adheridos da provincia.

Adxudicados contratos que superan os 800.000€

Na reunión do Goberno de hoxe saíu adiante tamén a adxudicación de dous contratos por un imprte conxunto que supera os 800.000€. Por un lado, aprobouse o contrato para a subministración de forraxes secas para o gando da Granxa Gayoso Castro que a Deputación ten en Castro de Rei.A empresa adxudicataria é Almacenes Avelino SL, e o orzamento do contrato é de 66.550€ cunha duración dun ano, con posibilidade de prorrogar por outros dous.

En materia de contratos tamén quedaron adxudicadas as pólizas de seguros privados dividas en catro lotes. Os dous primeiros paquetes sondedicados a danos materiais á frota de vehículos e maquinaria do Parque Móbil, e foron adxudicados á empresa Helvetia Compañía Suiza, Sociedade Anónima de Seguros. O primeiro inclúe a póliza dos embarcadoiros da Deputación, o mobiliario urbano e a ventá arqueolóxica da Praza de San Marcos, por un importe de 226.146€. E en canto ao segundo, cunha contía económica de 76.598€, resaltar que está destinado a cubrir seguros dos vehículos, asistencia na viaxe a tractores, ou accidentes por falecemento e impacto de especies cinexéticas.  

Polo que respecta ao lote 3,  que recolle un seguro de vida e accidentes para o persoal da Deputación no caso de falecemento por calquera causa ou invalidez absoluta e permamente,  quedou adxudicado á empresa Zurich Vida, Compañía de Seguros e Reaseguros SA, por un importe de 464.283€.E por último, un cuarto paquete para cubrir o seguro dos animais da Granxa da institución, contratado á empresa Mapfre España SA, por un importe de 19.455€. 

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Na sesión de hoxe tamén quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de dúas subvencións, por un importe conxunto de case 12.000€, a entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Por unha parte do Monte Veciñal en Man Común da parroquia de Lousada, en Xermade, que recibe 6.000€ para mellorar a traída de auga. E a asociación de veciños de Augaxosa, en Riotorto, recibe 6.000€ destinado ás obras de pavimentación do campo da festa. 

Segundo explicou García Porto, o obxectivo da Deputación con este programa é apoiar aos colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a solicitude do concello de Chantada para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. En concreto, a entidade local destinará 18.000€ á pavimentación do acceso á igrexa da parroquia de San Xoán de Veiga.