Deputación de Lugo

O Presidente visita as instalacións de Celega no Saviñao e destaca a súa aportación no sector lácteo da provincia

José Tomé Roca
Visita ás instalacións de CELEGA
- José Tomé Roca visitou xunto aos responsables das cooperativas propietarias da compañía as instalacións situadas en Escairón, que acaban de ser recoñecidas polo seu compromiso co benestar animal e polo coidado do medio ambiente

- O mandatario provincial subliñou que “somos unha provincia pioneira neste sector, a primeira produtora de leite de España e todo aquelo que leve consigo que o sector primario poida desenvolverse aquí, transformando os produtos e deixando o valor engadido que isto supón, é, sen dúbida unha boa noticia para a provincia de Lugo”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves as instalacións de Celega situadas no concello do Saviñao. Unha fábrica xestionada polas cooperativas Lemos e Coreber que vén de ser recoñecida pola entidade independente AENOR polo seu compromiso co benestar animal e polo coidado do medio ambiente.

Tomé Roca trasladoulles os seus parabéns polas certificacións conseguidas e destacou durante a visita o traballo da cooperativa Lemos, unha entidade gandeira con sede en Monforte de Lemos que é propietaria ao 80% desta firma, unha das principais recolledoras e comercializadoras de leite de toda Galicia. Salientou a súa aportación e o seu peso no sector lácteo da provincia e incidiu no compromiso da Deputación de Lugo co sector primario “un compromiso que mantemos, por exemplo, a través da Granxa Gayoso Castro, onde colaboramos coa Universidade de Santiago de Compostela, e que é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a identidade cultural da nosa provincia”. 

Nesta liña, o mandatario provincial sinalou que “somos unha provincia pioneira neste sector, a primeira produtora de leite de España. Polo tanto, todo aquelo que leve consigo que o sector primario poida desenvolverse aquí, transformando os produtos e deixando o valor engadido que isto supón, é, sen dúbida unha boa noticia para a provincia”. 

Segundo detallou o director xeral do grupo Celega-Cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez, a certificación polo coidado do benestar animal nas granxas xa a recibiron o ano pasado, e no mes de xuño conseguiron as de xestión ambiental e residuo cero. 

Na visita acompañaron ao Presidente da Deputación e ao director xeral do grupo lácteo o responsable da cooperativa Lemos, Eliseo Mariño; o responsable da cooperativa Coreber, Jesús Mato Pose; o Secretario Xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro; e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; entre outras autoridades.