Deputación de Lugo

A Deputación participa en Santiago nun encontro sobre conciliación familiar organizado por Executivas de Galicia

Pablo Rivera Capón
Encontro Executivas de Galicia
- O Deputado de Promoción Económica e Social apelou na sede da Confederación de Empresarios de Galicia ao traballo conxunto das administracións e a sociedade para asumir que a conciliación é “unha inversión en produtividade e benestar”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres en Santiago de Compostela na clausura do VI Encontro pola Corresponsabilidade centrado na conciliación e diversidade familiar que organizan as Executivas de Galicia. A xornada, que tivo lugar pola mañá na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, contou con catro mesas redondas gratuítas e abertas ao público xeral.

Rivera Capón defendeu que “desde a Deputación somos conscientes de que cada paso cara a corresponsabilidade é un paso cara a xustiza social” e apelou ao traballo conxunto das administracións e a sociedade para asumir que a conciliación “é unha inversión en produtividade e benestar”.

Durante este encontro, expertos nas áreas social, educativa, económica e xurídica, achegaron as súas visións sobre os desafíos e as oportunidades que representan as novas configuracións familiares no contexto da conciliación. Unha cita que xa está consolidada como un espazo de análise multidisciplinar sobre os retos sociais e económicos vencellados á igualdade.

Xunto ao Deputado, participaron neste acto a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky; o maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, Miguel Filgueira; e o presidente da Federación Española de Familias Numerosas, José Manuel Trigo, entre outras autoridades.