Deputación de Lugo

O Presidente inaugura unha xornada sobre cumprimento normativo: “un factor clave para garantir a transparencia, eficiencia e seguridade xurídica”

COMPLIANCE
José Tomé Roca deu a benvida no Pazo de San Marcos aos participantes desta cita gratuíta que é o punto de partida dunha iniciativa da Deputación para dotar ás entidades locais de asesoramento, formación e ferramentas para mellorar o seu compliance

“A administración debe ofrecer unha atención áxil, clara e eficaz, porque os cidadáns teñen dereito a recibir uns servizos públicos de calidade, e nós temos a obriga de asegurar que así sexa”, sinalou o mandatario provincial

A xornada contará con diferentes charlas, conferencias e mesas redondas formadas por expertos e especialistas en Dereito con formación na materia de cumprimento normativo e dous talleres de traballo específicos e reducidos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves Compliance: o cumprimento normativo a debate, unha xornada divulgativa, aberta e gratuíta sobre cumprimento normativo que organiza a institución provincial co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia do compliance e as vantaxes da súa implementación. “Esta xornada marca o inicio dun ambicioso programa sobre cumprimento normativo que se desenvolverá ao longo de todo o ano”, anunciou o mandatario provincial.

“O cumprimento normativo, ou compliance, non é só unha obriga legal, senón un factor clave para garantir que a administración pública e as entidades privadas funcionen con transparencia, eficiencia e seguridade xurídica. En definitiva, para garantir que respondemos como debemos ás necesidades da cidadanía”, argumentou o Presidente. Sinalou que no caso da administración pública, “esta responsabilidade é aínda maior”, subliñando a diferencia entre as grandes administracións e as pequenas e incidindo en que os pequenos concellos do rural “teñen que enfrontarse con problemas complexos cos recursos mínimos”.

Tomé Roca destacou que a través desta iniciativa, “queremos proporcionar formación, asesoramento e ferramentas para que todos os concellos da provincia dispoñan dos medios necesarios para garantir un cumprimento normativo rigoroso e eficaz”.  Asegurou que, por unha banda é a obriga da institución provincial, pero que por outra banda, “cremos que fortalecer a administración local é clave para fortalecer o rural. Un concello ben xestionado ten máis forza para reivindicar mellores servizos: para esixir un médico máis, un centro de saúde mellor dotado ou máis recursos para a atención á dependencia”.

Insistiu en que “garantir o cumprimento normativo tamén mellora a calidade de vida” e que “a administración debe ofrecer unha atención áxil, clara e eficaz, porque os cidadáns teñen dereito a recibir uns servizos públicos de calidade, e nós temos a obriga de asegurar que así sexa” e tamén pensando nos traballadores da administración local “que merecen traballar con seguridade, con garantías e con acceso á formación necesaria para que poidan desenvolver o seu traballo con confianza e dentro do marco normativo”.

Xunto ao Presidente, inauguraron esta xornada o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que foi o encargado da clausura da mesma, e o Director Executivo de Compliance Desk, Alejandro Álvarez López. Ademais, no acto participaron tamén a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo e Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, así como outros alcaldes e alcaldesas da provincia.

Durante a mañá, a xornada contará con diferentes charlas, conferencias e mesas redondas formadas por diferentes expertos e especialistas en Dereito con formación na materia de cumprimento normativo como Alain Casanovas, socio de KPMG. Pola tarde, realizaranse dous talleres de traballo específicos e grupos reducidos.

Programa da xornada de divulgación

9:30 horas.- Recepción dos asistentes
10:00 horas.- Presentación institucional da xornada a cargo do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca
10:15 horas.- Introdución ao Compliance e ao sistema interno de información, por Alain Casanovas Isla, socio de KPMG Avogados e responsable nacional da área de Compliance
11:00 horas.- Entrevista a Ricardo Ron, subdirector da Autoridade galega de protección da persoa informante, por Juan Pablo Lerena, avogado en Lerena Roca Avogados
11:45 horas.- Pausa para café
12:15 horas.- Compliance no sector público, a cargo de Alejandro Canónico, Doutor en Dereito Administrativo da Universidade de Villanueva; José Ignacio Herce, Doutor en Dereito Administrativo da Universidade Rey Juan Carlos; Fernando González, avogado especialista en Dereito Administrativo; e Lourdes del Amo de la Fuente, avogada experta en compliance. Modera Cristobal Dobarro, avogado e Doutor en Dereito Administrativo
13:15 horas.- Mesa redonda sobre compliance officers formada por Paul Rodríguez, Compliance Officer de Navantia; e Alberto Pallón; Compliance Officer de Caixa Rural Galega. Modera Alberto García, Presidente da Asociación Galega de Compliance
14:00 horas.- Clausura a cargo do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón