Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación destaca o impacto turístico e económico da Semana Santa de Lugo

Pilar García Porto
Semana Santa
PROMOCIÓN DO TERRITORIO E TURISMO
Lugo
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na presentación desta programación, que se desenvolverá do 4 ao 20 de abril, e que arrincará cun concerto nos Franciscanos do músico Bruno Villamor

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na Catedral de Lugo na presentación da programación da Semana Santa de Lugo 2025. Para esteevento, que se celebrará do 4 ao 20 de abril, a institución provincial colabora realizando unha achega económica de 12.000€. Na presentación desta cita, declarada Festa de Interese Turístico Galego no 2019, a Deputada estivo acompañada polo Presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, entre outras autoridades.

García Porto avanzou que “esta é unha celebración que vai máis alá do relixioso e que nos conecta co noso patrimonio e historia. Trátase dun momento no que a tradición e a cultura popular cobran protagonismo, enchendo as rúas de Lugo de devoción, arte e participación cidadá”. 

Na súa intervención, a Deputada fixo referencia ao impacto turístico e económico que xera a Semana Santa “Lugo recibiráa milleiros de visitantes de Galicia, España e doutros países, que atopan aquí unha oportunidade para coñecer a cidade desde unha perspectiva distinta”. Nese sentido, Pilar García recalcou que “esta festividade pon en valor o noso patrimonio material e inmaterial, converténdose nunha ocasión perfecta para descubrir a riqueza monumental da cidade e o seu entorno”. 


Para rematar, puxo en valor o esforzo das confrarías e recalcou que desde a Deputación de Lugo “apoiamos eventos coma este, que combinan tradición e dinamismo e reforzan a imaxe de Lugo como destino de referencia. O noso compromiso é seguir promovendo estas celebracións que enriquecen a nosa provincia e que permiten que a nosa cultura siga sendo un elemento de cohesión e de desenvolvemento económico”. 


A Semana Santa lucense arrincará cun concerto de Bruno Villamor

A Semana Santa lucense arrincará cunha programación cargada de tradición, música e reflexións, que se estenderá durante toda a celebración relixiosa e cultural. O primeiro gran evento terá lugar o 4 de abril na igrexa dos Franciscanos, onde se ofrecerá un concerto titulado A Música Tradicional Galega nas Marchas Procesionais, a cargo do músico e compositor Bruno Villamor Gay. O 9 de abril, terá lugar o pregón na igrexa parroquial de Santiago A Nova, que será pronunciado pola mestra e escritora galega Marica Campo.


A programación, que seguirá coas tradicionais procesións e outros actos relixiosos ata 20 de abril do Domingo de Pascua, tamén contará con actividades culturais, conferencias e concertos que enriquecerán a experiencia dos que visiten Lugo nestas datas.