Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Lugo entregan 89 hortos no Rato “cos que seguimos a promover a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables”

José Tomé Roca
hortos urbanos
Entrega hortos

Mantiveron un encontro este xoves coas persoas e entidades beneficiarias deste proxecto da Deputación “que ten moitísima demanda polo seu carácter gratuíto e polo servizo de formación que ofrecemos”

Estes espazos concedidos por un período de dous anos, contan cunha dimensión de 30 metros cadrados cada un e forman parte das 140 parcelas que a institución provincial ten ocupadas na contorna deste paseo urbano da cidade de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Fernández, e o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, fixeron entrega este venres dos 89 hortos urbanos situados no Paseo do Río Rato. Deste total, 39 son renovas para antigos usuarios e usuarias cuxa concesión estaba a piques de finalizar, e 50 hortos foron asignados a novos beneficiarios. José Tomé mantivo un encontro coas persoas e entidades beneficiarias desta iniciativa, coa que “seguimos a promover a agricultura ecolóxica, os hábitos de vida saudable e o lecer medioambiental entre a veciñanza de Lugo e dos concellos da contorna

Así mesmo, destacou que este proxecto de hortos urbanos “ten moitísima demanda, non só polo seu carácter gratuíto, senón tamén polo servizo de formación continua que incluímos, o que permite mellorar os cultivos e fomentar a implicación das persoas participantes no coidado do medio ambiente”. A Deputación de Lugo pon así á disposición dos beneficiarios 140 parcelas de 30 metros cadrados, ocupadas na súa totalidade, para o seu uso e desfrute, “cunha clara vocación social e educativa”, subliñou o mandatario provincial.

Explicou tamén que esta actividade forma parte dunha estratexia maior da Deputación para poñer en valor o territorio, especialmente as Reservas da Biosfera, que son un dos maiores expoñentes da provincia en Galicia, promovendo o desenvolvemento sostible a través de accións que aproveiten a riqueza natural da zona. 

Durante a entrega, o Presidente repartiu esta tarde aos novos usuarios e usuarias unha carpeta serigrafiada con información de interese, un bolígrafo, unha bolsa de tela, un lote de plantas para as súas hortas e unha pequena aciñeira en conmemoración do Día da Árbore, que celebrou o pasado 21 de marzo. Ademais, todos os xoves, a Deputación de Lugo organiza sesións de formación gratuíta para mellorar os cultivos e optimizar o uso das parcelas. Os hortos foron asignados a través dun proceso competitivo que tivo en conta criterios sociais, como a situación de desemprego, a representación de centros educativos ou a vinculación a colectivos sociais.